
Dada a situación sanitaria, estiveron dubidando se facelo ou non pero finalmente, dada a melloría, dende A Ruada confirman que este ano si organizarán o tradicional Enterro da Sardiña na Rúa Vella, o acto que pon o broche ao Entroido.
Coma sempre será o Mércores de Cinsa, nesta ocasión o día 2 de marzo, a partir das oito da tarde. Nese momento comezará o velorio no adro da Igrexa de Santo Estevo, que normalmente se celebra no local da asociación pero nesta ocasión será no exterior, debido ao protocolo da Xunta. De seguido, en torno ás 20:30 horas comezará a procesión que levará á sardiña ata a praza César Conti onde será queimada.
Ademais, dado que este ano non se prevé desfile, dende A Ruada (unha das comparsas máis tradicional e numerosa da Rúa) barallan a posibilidade de saír o Martes de Entroido disfrazados “para percorrer as rúas do noso concello”, adiantan. Coma sempre, esta actividade contará coa colaboración do Concello.
