EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Ruta do Viño de Valdeorras propón unha nova experiencia enogastronómica na comarca

En abril organizaranse ceas-maridaxe en dous establecementos de hostalaría asociados a esta entidade

 

Na súa aposta por dinamizar a comarca a través da vitivinicultura e do turismo, a Ruta do Viño de Valdeorras propón unha nova actividade de cara ao mes de abril que aposta pola enogastronomía. “A oferta gastronómica de Valdeorras é un valor para ter moi en conta, por iso convidamos a gozar de dúas experiencias fantásticas e únicas a través de dúas ceas-maridaxe que ofrecen os nosos restaurantes asociados, que acompañados dos viños de dúas adegas de Valdeorras satisfarán a calquera padal”, adiantan dende a Asociación Ruta do Viño de Valdeorras.

Os restaurantes a través de cuxos menús se poderá gozar dunha perfecta combinación de cores, aromas e sabores son Hotel Pazo do Castro, “que oferta un atractivo menú acompañado dos viños da adega Alan de Val o día 26 de marzo e 22 de abril xunto coa adega Terriña, e Complexo Hostaleiro Paladium, que completa está sedutora experiencia o día 2 de abril xunto coa adega Roandi”, adianta a organización.

Durante a celebración destas ceas o cociñeiro de cada restaurante fará participes aos comensais da elaboración de cada prato e tamén lles dará indicacións sobre a maneira degustalo. Pola súa banda, o enólogo da adega correspondente realizará a pertinente explicación do viño proposto con cada prato, dando lugar á perfecta maridaxe.

 

 

Estas ceas celebraranse o día 26 de marzo ás 21:30 no Hotel Restaurante Pazo do Castro cun completo menú composto por tres aperitivos, un entrante, un peixe, unha carne e unha sobremesa ten un prezo de 40 €/persoa , e o día 2 de abril no Complexo Hostaleiro Paladium cun elaborado menú composto por 4 pratos e un poste, cun prezo de 35 €/persoa, que se poderá degustar tamén o día 3 na hora do xantar.

Ademais o 22 de abril terá lugar no Hotel Restaurante Pazo do Castro coa adega Terriña.

Para poder participar é necesario reservar tanto no Hotel Restaurante Pazo do Castro (988 34 74 23/ info@pazodocastro.com), como no Complexo Hostaleiro Paladium (988 33 68 01/ recepcion@chpaladium.es)

Entre os participantes de cada unha das ceas sortearase unha visita, para dúas persoas á adega que estea a realizar a maridaxe e dun estoxo de viño.

 

Artigos relacionados

Back to top button