EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Ruta do Viño do Ribeiro celebra o Día Mundial do Enoturismo potenciando a figura do arrieiro

Imaxe tomada o pasado mes de xullo de 2019 en Santiago de Compostela, no acto de representación da chegada do Arrieiro á Mazarelos./ Foto: Ruta do Viño do Ribeiro.

 

“A Ruta do Viño do Ribeiro potenciará os recursos do territorio aproveitando todo o seu legado histórico, patrimonial e cultural a través de poñer en valor a figura histórica do arrieiro”. Con este anuncio de Juan M. Casares, o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, esta entidade únese un ano máis á celebración do Día Mundial do Enoturismo neste 8 de novembro reivindicando, neste caso, a figura histórica do arrieiro e o seu legado arredor do cal se artella “O camiño do viño”.

Xa no 2019 esta ruta rexisraba unha marca enoturística “O camiño do viño. Ruta do viño do Ribeiro” como instrumento distintivo de promoción desta entidade e os recursos da enocomarca ribeirá. Segundo o seu presidente, estase traballando nun ambicioso plan de acción para a Ruta do Viño que inclúa a recuperación da figura histórica do arrieiro e a través dela potenciar unha ruta para andainas que combine o tempo de lecer coa cultura e a visita adegas.

“O noso obxectivo”, apunta Juan Casares, “é converter á Ruta do Viño do Ribeiro nunha referencia enoturística en Galicia e promocionar toda a riqueza desta enocomarca que se sustenta en seis verbas: persoas, historia, patrimonio, tradición, cultura e viño.”

O camiño do viño. Ruta do viño do Ribeiro

A Ruta do Viño do Ribeiro “leva traballando dende o ano 2007 por situar a esta enocomarca como un destino enoturístico de referencia, contribuíndo a poñer en valor os diferentes recursos e servizos que teñen como protagonista principal a cultura do viño”, resaltan dende esta asociación, “non é excepcional que una das denominacións de orixe máis antigas de península e a primeira de Galicia albergue unha cantidade considerable de patrimonio material e inmaterial testemuña do esplendor que o viño do Ribeiro proporcionou a este territorio, e, si temos que buscar un protagonista desa época non podemos esquecer ao arrieiro. En torno a esta figura escribiuse unha parte importante da historia do Ribeiro, e contribuíron a que o viño desta terra chegara a ser un dos máis afamados máis aló do atlántico”.

Neste ano, atípico e complicado, a nivel social, económico, cultural, a Ruta do Viño do Ribeiro aproveita este día Mundial do Enoturismo para recordar que potenciar este sector “é promover o desenvolvemento turístico nas comarcas rurais de interior e contribuír á dinamización da produción primaria, da transformación e dos servizos”.

O Día Mundial do Enoturismo

O Día Mundial do Enoturismo é unha iniciativa que promoveu hai máis dunha década (2008) a Rede Europea de Cidades do Viño (RECEVIN) e que se celebra o segundo domingo do mes de novembro. Os países que participan nesta conmemoración son principalmente europeos, mais hai uns anos que se uniron outros como Brasil, Chile, Arxentina ou Uruguay. O obxectivo principal desta celebración non é outra que potenciar o turismo do viño como factor de desenvolvemento dos territorios vitivinícolas.

Artigos relacionados

Back to top button