En portadaÚltima hora

A ruta para promocionar o Camiño de Inverno pasará por Valdeorras o 19 de abril

A Asociación de Municipios reuníase este mércores co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez

Peregrinos nun tramo do Camiño de Inverno entre Valdeorras e Quiroga. /Foto cedida.

 

Co obxectivo de “promocionar o percorrido nas diferentes comarcas”, a Asociación de Municipios do Camiño de Inverno a Santiago vén de fixar un calendario de rutas abertas á participación da cidadanía que comezará o 22 de marzo no Bierzo, seguirá en Valdeorras o 19 de abril, en Quiroga o 3 de maio, pola Ribeira Sacra o 24 do mesmo mes, en Rodeiro/ Lalín o 27 de setembro e en Vedra o 11 de outubro.

Informar aos responsables autonómicos galegos sobre esta actividade, foi un dos temas sobre os que xirou a reunión que o colectivo mantiña este mércores 9 de xaneiro co conselleiro de Cultura e Turismo Román Rodríguez e co director xeral de Relacións coas Asociacións, Isaías Calvo.

Durante a reunión á que asitía a Xunta Directiva da Asociación formada polos representantes dos concellos de Ponferrada, Vilamartín de Valdeorras, Quiroga, Pantón, Rodeiro, Vedra, abordáronse diferentes temas relativos a infraestruturas, servizos, promoción e difusión do Camiño de Inverno, valorándose moi positivamente a proposta de que “a asociación de municipios sexa o principal interlocutor ante as dúas Administracións Autonómicas Castela León e Galicia, en todo o relacionado coa promoción e difusión institucional do Camiño”, para o que se establecerán, no caso de Galicia, cauces de comunicación coa Dirección Xeral de Relacións coas Asociacións do Camiño, “co obxectivo de transmitir as necesidades desta ruta”, puntualizan dende o colectivo.

Finalmente, acordouse que a Asociación de Municipios do Camiño de Inverno a Santiago será unha das convidadas no stand que a Xunta de Galicia levará o vindeiro 22 de xaneiro á Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid.

Perigo no tramo da N-536 entre Vilamartín de Valdeorras e A Rúa

A nivel particular, o alcalde de Vilamartín Enrique Álvarez, trasladoulle ao conselleiro a súa preocupación polo tramo do Camiño de Inverno entre o concello que preside e o da Rúa, uns 700 metros que os peregrinos deben percorrer pola calzada da N-536. Álvarez Barreiro asegura que no seu momento presentaron unha memoria valorada da posible solución que ascende a 450.000 euros. “É caro pero máis vale a vida das persoas que seguen pasando por aí”, asegura, engadindo que despois de falar co alcalde da Rúa Álvaro Fernández, chegaron á conclusión de que poderían atopar unha alternativa, logrando que os peregrinos pasasen por unhas fincas privadas. “Pero así e todo, a xente que é de Vilamartín e da Rúa, seguirá pasando pola calzada, o problema seguirá estando, e nós o que pretendemos é solucionar os dous problemas (o dos veciños e dos peregrinos) polo que se realmente hai cartos para o Xacobeo, como din, que invistan o necesario para aquí. É algo que dende o Concello seguiremos reivindincando”, conclúe o alcalde.

 

Artigos relacionados

Back to top button