Na fin de semana do 23 e 24 de novembro terán lugar en Verín as II Xornadas Micolóxicas ”Rocos, turtullos e cacabinas”. O seu programa incluirá sesións teóricas, unha saída de campo e un showcooking especial sobre cogomelos. Haberá unha exposición micolóxica o domingo, no Museo do Claustro Mercedario, e contará cun apartado especial sobre confusións alimentarias entre tipos de fungos.
As xornadas celebraranse o sábado e o domingo no Museo do Claustro Mercedario. Arrincarán o sábado ás 10:00 coas sesións teóricas impartidas polo enxeñeiro e experto en micoloxía Rafael Castro Vaamonde, que estarán seguidas pola saída ao campo. Durante estas clases prácticas, desenvolverase a recollida de exemplares
Pola tarde as sesións continuarán coa clasificación no claustro das especies e exemplares recollidos, e ás 20:00h. trasladarase ao restaurante O Regueiro da Cova, onde a recoñecida cociñeira Begoña Vázquez realizará un showcooking sobre delicias micolóxicas. A continuación, haberá unha cea de confraternización.
O domingo terá lugar no Museo do Claustro Mercedario unha exposición micolóxica, na que se disporá un apartado especial sobre identificación de especies parecidas que poidan entrañar riscos alimentarios.
As xornadas “Rocos, Tortullos e Cacabinas” naceron como unha actividade para canalizar a ampla afección que polas setas existe de antano no Val de Monterrei, unha voz con acento propio que recoñeza as singularidades incluso terminolóxicas que existe na nomenclatura dos fungos na comarca.
O prezo da asistencia será de 10 euros, e a inscrición poderase facer no Museo do Claustro Mercedario (a partir do mércores, inclusive) e no mail museodeverin@gmail.com. Neste caso, o abono farase na primeira sesión teórica.