

Tíñao realmente difícil. Pero España non se amedrentaba. Saía a xogar con moitas ganas o partido da ilusión contra unha potencia mundial do baloncesto: os Estados Unidos. As españolas loitaban ata o final. E, malia que a sorte non as acompañaba, con continuos balóns que non entraban, lograban un resultado máis que digno, selando así unha excelente participación no mundial de Turquía. No Fenerbaçe Arena de Estambul a selección española, dirixida polo técnico de orixe valdeorresa Lucas Mondelo, facía historia. Por primeira xogaba unha final e medíase coa máis alto do baloncesto mundial, tratando de resistir os embates norteamericanos e completando o partido cun marcador de 64 a 77. Quedábanse a só trece puntos de diferencia das nortemaricanas.

Xa dende o primeiro cuarto Estados Unidos imprimía o seu forte ritmo. Adiantábase no marcador e ía movéndose nunha vantaxe dez puntos, que as españolas tentaban reducir, pero sen conseguilo. O tempo esgotábase e o resultado deste primeiro tempo de xogo quedábase en 17/28, a favor das estadounidenses.

A tendencia repetíase no segundo cuarto, ante unhas estadounidenses implacables, sen apenas erros cada vez que atrapaban un balón. España axustaba a súa defensa e trataba de buscar os puntos, pero sen éxito, e, polo tanto, sen posibilidade de remontada. E así concluía este segundo período do xogo, manténdose a distancia de 11 puntos entre España e os Estados Unidos: 29/48.

As xogadoras de Mondelo trataban de recuperar terreo no terceiro cuarto, pero sen sorte. Malia ás oportunidades de tiros e os balóns conseguidos, as canastras non chegaban, mentres Estados Unidos incrementaba a súa puntuación ata rematar o tempo cun resultado de 48 a 67, é dicir, 19 tantos por diante das españolas.

E encetábase o cuarto decisivo con España esforzándose ao máximo ante un inalcanzable Estados Unidos. Reforzaban a defensa, atrapaban balóns e ademais, as canastras comezaban a chegar, mesmo algún que outro triple. Pero non era suficiente para recortar a distancia necesaria para acadar o ouro. Os segundos pasaban e as españolas loitaban como se estivesen no terceiro cuarto, sen rendirse. Pasaban os últimos segundos e o marcador xa se convertía en definitivo: 64/77. España convertíase en subcampiona do mundo e, malia a derrota, España saboreaba a prata. As xogadoras sorrían, abrazábanse ao corpo técnico ecelebraban a súa excelente actuación neste mundial co que veñen de inscribir o seu nome no máis alto do baloncesto mundial.

Polo tanto, alegría e celebración polo traballo ben feito dende o corpo técnico, con Lucas Mondelo á cabeza, e tamén pola xenorosidade, talento e calidade da que fixeron gala ao longo de toda a competición as xogadoras españolas. Ademais, dúas delas, Alba Torréns e Sancho Lyttle, lograban a distinción de estar entre as cinco mellores deste mundial de Turquía, xunto a outras dúas estadounidenses e a unha xogadora australiana.

Todo un logro para España e o seu seleccionador Lucas Mondelo, ben apoiado dende as bancadas pola súa familia valdeorresa, en especial dos seus pais, e portando, ademais da bandeira española ao do Concello do Barco.
Tras a medalla de ouro no europeo e a prata no mundial, Mondelo xa mira cara o vindeiro campionato de Europa do 2015. Parabéns!!!
Texto: Ángeles Rodríguez Fotos: FIBA/ FEB
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.