BaloncestoDeportesÚltima hora

A Selección Masculina de Baloncesto xogará en Ourense contra Eslovaquia o 3º partido de clasificación para o Eurobasket ’25

O encontro disputarase o vindeiro 25 de novembro no Pazo dos Deportes Paco Paz

 

16 anos despois, a Selección masculina de Baloncesto volve a Ourense para disputar o seu terceiro partido de clasificación para o Eurobasket 2025, enfrontándose no Pazo dos Deportes Paco Paz a Eslovaquia. O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; a presidenta da Federación Española de Baloncesto, Elisa Aguilar; e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, presentaban na mañá deste venres 18 de outubro, os detalles deste partido que se disputará o vindeiro 25 de novembro.

Na súa intervención, Luis Menor afirmou que era un “orgullo” recibir á selección en Ourense onde “o deporte se vive con tanta paixón” e que a provincia volverá a demostrar que é “o lugar idóneo para acoller eventos deportivos de primeiro nivel como este”. Neste sentido, o presidente provincial lembrou que se trata dun partido “crucial” no camiño da Selección cara o Eurobasket, pero tamén “un reencontro esperado” coa afección ourensá que seguramente será testemuña “dun novo éxito na vosa historia”, xa que si gañan contra Eslovaquia estarían clasificados para o Eurobaset. Animou a que todos os ourensáns a acompañar a nosa selección cara esa nova vitoria.

O presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez tamén coincidiu en que é “un tremendo orgullo” que volva a Selección a Ourense converténdoa na “capital do baloncesto galego”. Así mesmo, dixo que este partido é “unha oportunidade de desfrute e de tremendo compromiso de aupar a nosa selección á clasificación do europeo, tan importante para a Federación, pero tamén para o baloncesto”.

 

 

Pola súa parte, a presidenta da Federación Española de Baloncesto, Elisa Aguilar afirmou que empezan “unha nova etapa” cun novo ciclo olímpico ata o 2028 para poder competir polo podio en Los Ángeles e que, precisamente, o vindeiro 25 de novembro, a Selección xógase “moito a nivel deportivo e precisamos o empuxe e calor de todos os afeccionados”.

Ata o momento xa se venderon o 50% das entradas para este partido que como dixo Elisa Aguilar será “todo un éxito deportivo porque selaremos a clasificación aquí e tamén será un éxito organizativo”.

O equipo dirixido por Sergio Scariolo disputará o vindeiro 25 de novembro no Paco Paz este partido despois de xogar en Bratislava o día 22. Ambos encontros serán decisivos para conseguir a clasificación matemática e asegurarse a defensa do título de campións de Europa.

A Selección volve a Ourense logo de 16 anos, tras xogar aquí dous amigables no verán de 2008 para prepararse para os Xogos Olímpicos de Pekín. Despois de disputar un total de 5 partidos amigables, este será o primeiro partido oficial que xogue España en Ourense. Actual campión de Europa, o equipo está encadrado no Grupo C, xunto a Bélxica, Eslovaquia e Letonia. Ademais de Letonia, xa clasificada como anfitrioa, clasificaranse para o Eurobasket as dúas primeiras seleccións do grupo.

As entradas para o partido xa se poden adquirir en www.feb.es/entradas.aspx.

Artigos relacionados

Back to top button