ConcellosO BarcoÚltima hora

A Semana Santa no Barco de Valdeorras contará este ano con pasos infantís

Os nenos participarán na procesión do Domingo de Ramos (10 de abril)

Presentación do programa de Semana Santa no Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Logo de dous anos con cultos moi reducidos e limitados ao interior das igrexas, os programas litúrxicos regresan con forza á parroquia do Barco de Valdeorras, que ten preparado un completo calendario de actos e cultos a desenvolver en Semana Santa e que se estenderán do 7 ao 17 de abril.

Será a primeira Semana Santa no Barco para o actual párroco, Jesús Álvarez, por iso, aínda que seguirá o esquema de anos anteriores á pandemia mantendo os actos xa tradicionais na parroquia barquense, contará con importantes novidades.

Así o adiantaba o propio párroco, na rolda de prensa que daba na mañá deste venres 25 de marzo, asegurando que a súa idea é incorporar á mocidade aos cultos polo que a gran aposta dese ano será a incorporación de pasos infantís. “Hai que revitalizar a Semana Santa con xente xove”, dixo o sacerdote, explicando que será na procesión do Domingo de Ramos (10 de abril ás 12horas que sairá e volverá á igrexa de Santa Rita) cando, ademais da “Burriña”, procesionen os pasos infantís (Neno da Paixón, Virxe da Esperanza, Cristo da Flaxelación, María Magdalena,…). “Son pasos que pesan pouco para que os poidan levar os nenos a ombros”, puntualizou Jesús.

 

O párroco co Barco, Jesús Álvarez, expoñendo as novidades do programa./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Outra das novidades deste ano, que se dará a coñecer ese mesmo domingo, é unha nova imaxe procedente do sur que bendecirán ese día baixo o nome de Santa María da Eterna Xuventude (portada do programa de man) que tamén sairá en procesión e despois colocarán nun altar na igrexa de Santa Rita onde permanecerá o resto do ano.

A Semana Santa no Barco 2022 incluirá un pregón a cargo de D. Antolín de Cela, reitor da basílica da Encina de Ponferrada; e a actuación da Banda Pasión de Ponferrada “un guiño á creación da nosa propia banda no Barco para o vindeiro ano, porque o son dos tampores e trompetas é moi típico desta celebración”, en palabras do párroco que tamen adianta o seu desexo de renovar os estatutos da Confraría Xesús Nazareno e abrila á poboación, especialmente á xente xove e ás mulleres. “Trátase de actualizala aos tempos actuais para que teña continuidade”, di Jesús, asegurando que tamén mellorarán os arranxos florais dos pasos, dando as grazas a todos os que o fan posible, tanto a nivel particular como ás empresas e aos propios confrades.

 

Programa da Semana Santa 2022 no Barco.

 

Artigos relacionados

Back to top button