En portadaÚltima hora

A situación dos pacientes en listas de agarda e con citas canceladas protagoniza a concentración en defensa do Hospital de Valdeorras

 

No Hospital Público de Valdeorras, no Barco, “a situación empeora de especialidade en especialidade”. Así o aseguraba a Xunta de Persoal do Distrito de Valdeorras na concentración, que dende outubro, se celebra cada mécores no exterior do centro hospitalario en defensa dunha sanidade digna nas comarcas de Valdeorras, Terras de Trives e Viana do Bolo.

“No servizo de traumatoloxía a situación segue exactamente igual os días que non hai garda, e os que a hai a ver se vos dan elixir entre Monforte e Ourense”, dicía Víctor Pariente, membro da xunta da persoa. Ademais o seu compañeiro, Suso Vilasánchez engadía “que se vos dan a elixir, escollede un dos dous hospitais, pero non rexeitedes a cita porque se o faces ides desaparecer das listas de agarda, dicide que si”, advertía.

Ademais, adiantaban que “mañá non vai haber xinecólogo de garda ou sexa que, ao final, vai ser como no ano 1981 cando eu aterrei aquí no Barco no que as mulleres tiñan que ir parir a Ourense. Pois imos estar na mesma situación, xa non chega con romper os osos para que nos manden para alá, tamén vai ser o de parir. Ademais están anulando listas de reumatoloxía, todas as listas desa semana as anularon, a culpa non é do Sergas, é de quen o xestiona”, sinalaba Víctor Pariente.

Para darlle visibilidade á problemática que están a vivir os pacientes valdeorreses, varios deles acudían a esta concentración con letreiros nos que expoñían a súa situación e a súa revindicación: “Teño silicose, a cita para o 21/11/2021 canceláronma indefinidamente. Non hai neumólogo”, “Eu son unha das afortunadas da lista de 14 meses para trauma. E teño outra cita cancelada en lista de espera indefinida”, “Diagnosticáronme indebidamente, 7 meses de espera, tiven que ir á privada por necesidade, teño que me operar”.

Nesta liña, Suso Vilasánchez tamén comentaba que “hai xente operada de hai 21 días con membros inmobilizados que aínda non foi revisada, teñen moitísima posibilidade de quedar con lesións. Cando se fai unha reclamación ou unha protesta a responsable diso é a directora de distrito que, segundo a normativa, ten que contestar e ten que facer que iso se arranxe”.

Manifestación o 28 de novembro

Nesta concentración tamén se facía fincapé na necesidade de continuar mobilizándose e de seguir sumando xente, tendo sobre todo a vista posta na manifestación que se celebrará o 28 de novembro no Barco. “O día 14 hai unha manifestación en Compostela e o 28 de novembro é a do Barco, temos que estar todos aquí, pasalo polas redes sociais, polo boca a boca, tomando unhas cañas, na cociña coa avoa, temos que estar o 28 de novembro, porque se estando os que estamos veu o outro día o conselleiro de Sanidade a Valdeorras, se somos moitos o 29 está Núñez Feijóo aquí”, resaltaban os membros da Xunta de Persoal.

 

Artigos relacionados

Back to top button