PolíticaÚltima hora

A socialista Marina Ortega pide unha residencia pública de maiores para Petín no Parlamento galego

A deputada ourensá vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias neste senso

A deputada Marina Ortega, á dereita da imaxe, nunha visita realizada a Petín con Gonzalo Caballero./ Foto cedida.

 

A deputada ourensá Marina Ortega, portavoz de Política Social do grupo socialista no Parlamento galego, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que dote ao concello de Petín dunha residencia pública de maiores. Ortega sinala que Petín é “o único concello de Valdeorras que carece de servizos que garantan a atención integral e continuada paras as persoas maiores, a pesares de que o 32 por cento da poboación ten máis de 65 anos”.

A responsable socialista pídelle ao goberno galego que “acceda á demanda veciñal de Petín para dotar ao Concello dunha residencia de maiores”. Ortega reclama unha infraestrutura “fundamental para contribuír a mellorar as condicións de vida das persoas maiores de Petín, así como das súas familias, e ao mesmo tempo colaborar no marco de acción do plan de impulso demográfico de Galicia afianzando poboación”.

Considera “fundamental” que os veciños e veciñas da localidade ourensá “conten cunha residencia de maiores que evite o éxodo dos seus habitantes cara outros núcleos de poboación que dispoñan deste tipo de recursos”. Sinala que “a familia e contorna da persoa que ingresa nunha residencia fóra do seu núcleo terá dificultades engadidas para visitar e manter contacto habitual con ela”.

Artigos relacionados

Back to top button