ConcellosEn portadaTrivesÚltima hora

A socialista Patricia Domínguez, alcaldesa de Trives con maioría absoluta

 

Ás 18h. desta tarde comezaba en Trives a sesión plenaria no Concello para constituír a Corporación local para a nova lexislatura 2023/2017, tras as eleccións do 28M, cuxos resultados se traducían neste municipio en 5 concelleiros para o PP e 6 para o PSdeG-PSOE. Despois de que os edís xurasen ou prometesen os seus cargos, procedíase á elección de alcalde. A ela optaban dous candidatos: os números 1 do partido socialista, Patricia Domínguez, e do PP, Roberto Castro.

Finalmente, resultaba elixida a candidata socialista, Patricia Domínguez, 6 votos fronte aos 5 do outro candidato. Deste xeito, a rexedora socialista comeza a súa segunda lexislatura á fronte do Concello da Pobra de Trives, se ben, neste caso gobernará con maioría absoluta, á diferenza do anterior mandato.

“Quero que as miñas primeiras palabras sexan para cada un dos triveses, sen distinción e sen ningunha exclusión, co convencemento de que este goberno traballará para todos. O meu recoñecemento a todas as corporacións trivesas, aos seus concelleiros e alcaldes. O noso pobo precisa que nos sintamos parte dun todo, dun nós, porque temos un futuro marabilloso, onde cabemos todos, onde sumar e construír”, dicía a rexedora tras tomar posesión do cargo.

 

 

Tamén aseguraba que “seremos un goberno cercano, serio e traballador porque non sabemos facelo doutro modo” e que “estaremos centrados en todos os intereses dos triveses”. E adiantaba que “os vindeiros catro anos seguiremos a encher de valores esta comunidade, máis humana se cabe, cos nenos e nenas, pais e nais, maiores e xoves a construír un espazo común verde, sostible e accesible, humanizado pero tamén moderno”.

 

 

Patricia Domínguez resaltaba o seu deber de servizo público e amosaba agradecemento a súa familia, polo seu apoio e comprensión ante as súas ausencias “pasadas e futuras”. E resaltaba que as mulleres “debemos seguir rompendo os teitos de cristal”, ao lembrar que foi a primeira alcaldesa de Trives, un posto que agora revalida “co apoio da maioria dos nosos veciños e veciñas”. E engadía a súa ilusión e compromiso neste novo mandato. “O cargo que asumimos emana dunha gran responsabilidade: a confianza de todo un pobo. Terémolo sempre moi presente”. E concluía agradecemento aos seus compañeiros “o seu compromiso con Trives, daremos o mellor de nós para a terra que amamos”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button