ConcellosEn portadaÚltima hora

A solidariedade veciñal permite reconstruír a casa incendiada en abril en Cerdeiros (San Xoán de Río)

Familiares de Estrella e Luis e a AC RíoMola agradecen a axuda a todos os veciños e empresas que colaboraron na campaña de axuda á familia afectada e que permitiu recaudar máis de 20.000 euros
Imaxe da casa que está sendo recontruída en Cerdeiros (San Xoán de Río)./ Foto cedida.

Na tarde do venres 13 de abril, nos Cerdeiros (parroquia das Cabanas, San Xoán de Río), Estrella, unha persoa de avanzada idade, e o seu fillo Luis, víanse sorprendidos por un incendio que destruíu a súa vivenda e todas as súas pertenzas. Trala catástrofe, os veciños de San Xoán de Río organizaban unha campaña solidaria para reconstruír esta casa.

Agora, cinco meses despois, a solidariedade dos veciños “desbordou a mellor das previsións e Estrella e Luis poderán regresar a súa casa nos vindeiros meses”, adiantan dende a A.C. Cultural RíoMola, promotora da iniciativa xunto coa familia dos afetados, “as achegas de centos de veciños superaron a mellor das previsións e recadáronse 20.110 euros, ademais de material de obra e outro tipo de axudas, que fan viable a rehabilitación da vivenda”.

 

Outra imaxe desta casa que está a ser rehabilitada grazas á solidariedade dos veciños./ Foto cedida.

 

Dende a AC RíoMola e a familia dos afectados queren dar as grazas a “todas as persoas que colaboraron nesta campaña solidaria, ás empresas que están axudando a rehabilitar a casa e ós medios de comunicación pola súa difusión e apoio”. Os traballos para a rehabilitación deste inmoble continúan e poderanse seguir a través da páxina da AC RíoMola, que informará do estado da rehabilitación.

Artigos relacionados

Back to top button