Estudar o xeito de reforzar a colaboración no desenvolvemento do convenio asinado entre Institucións Penitenciarias e o Concello de Ourense para que persoas que deben cumprir penas de traballo en beneficio da comunidade poidan realizalas neste municipio. Este era un dos obxectivos da xuntanza que mantiñan na mañá do 13 de xullo o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, e os concelleiros ourensáns de Servizos Xerais, Jorge Pumar, e de Benestar Social, Sofía Godoy.
Así, segundo se informa dende a Subdelegación, o goberno municipal pretende reforzar este convenio, xa vixente, para que máis persoas teñan a oportunidade de beneficiarse del (16 no transcurso do presente ano 2015), integrados nunha brigada social municipal. Tamén se busca que as persoas participantes o fagan durante períodos máis longos de tempo, que lles permitan cubrir as horas que deben prestar en beneficio da comunidade e ao tempo lle dean estabilidade e continuidade ás brigadas nas que participan.
Roberto Castro valoraba de maneira favorable a proposta presentada polos edís ourensáns no senso de “incrementar as prazas destinadas a estes servizos sociais”. No decurso da reunión tamén se delimitaban “as áreas que poden ser susceptibles de actuación polas persoas que se atopan nesta situación: o coidado de zonas verdes, a limpeza de carteleira ilegal e pintadas, a conservación de instalacións municipais, o fogar do transeúnte e o reforzo de programas de carácter social e xuvenil”, tal e como se indica dende a Subdelegación. Este programa é coordinado no Concello de Ourense pola Área de Servizos Xerais.