OurenseÚltima hora

A Subdelegación do Goberno en Ourense coordina o dispositivo de seguridade de cara á Carreira Popular de San Martiño e o Nadal

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e o alcalde do Concello de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, copresidiron a reunión da Xunta Local de Seguridade celebrada na mañá deste xoves 7 de novemebro e na que se analizaron os dispositivos de seguridade precisos de cara á Carreira Popular de San Martiño e as vindeiras festas de Nadal; a situación da cidade no que vai de ano en materia de seguridade cidadá; os datos de violencia de xénero e o Plan Director.

En materia de violencia de xénero, a xefa da Unidade de Violencia Contra a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias, detallou os datos actuais, con 568 casos activos na provincia, 199 deles no Concello de Ourense; así como os referentes a vítimas mortais, con 39 contabilizadas en España en 2024, tres delas galegas.

No relativo ao Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas, o subdelegado do Goberno destacou o principal obxectivo do mesmo na “mellora da seguridade mediante a prevención, antes de que sucedan os delitos, condutas violentas, acoso, ciberacoso, etc. Incluíndo tamén actividades que buscan concienciar no ámbito escolar sobre a violencia de xénero”.

Pola súa banda, o inspector xefe de Participación Cidadá da Policía Nacional, José Antonio Armero, detallou que neste curso académico lévanse realizado 23 charlas dentro deste proxecto, co fin de incrementar este ano as referidas a violencia de xénero, adicións e consumo de alcohol e drogas.

En canto á situación da seguridade cidadá na capital durante este 2024, o inspector xefe da Brigada de Seguridade Cidadá da Policía Nacional, José Manuel Barbero, destacou a redución nun 4,21% do total de infraccións, cun notable incremento no esclarecemento dos feitos.

Por tipos de delitos, destaca o aumento nun 3% dos cometidos contra as persoas e un 5% os vencellados coa violencia de xénero. Tamén se incrementaron nun 6% os delitos contra la liberdade sexual, acadando un 92% de esclarecemento destes feitos. Pola súa banda, baixaron un 7% os de lesións, grazas á colaboración de Policía Nacional, Local e Autonómica.

 

 

Carreira Popular do San Martiño e Nadal

Nesta xunta tamén se abordou o reforzo en efectivos que precisa o Concello de Ourense de cara á carreira popular de San Martiño, que se celebra este domingo 10 de novembro, debido ás diferenzas que arrastra nas últimas datas coa Policía Local ourensá. Así, o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, solicitou a colaboración da Garda Civil para reforzar aos axentes locais que traballarán nesa xornada. Neste senso, o subdelegado asegurou que “os operativos de Policía Nacional que colaborarán son os habituais para reforzar este tipo de eventos. Pola súa parte, en principio, a Garda Civil non ten competencia de tráfico na cidade. Ao ter coñecemento desta necesidade de auxilio neste momento non podemos garantir esta petición porque son aspectos que hai que planificar e organizar o operativo con antelación. Non obstante, estou seguro de que se fose precisa a actuación da Garda Civil, existe unha total colaboración entre forzas de seguridade e, se a Policía Local o chegase a precisar, actuarían”.

Na mesma liña da seguridade ante actividades multitudinarias, tratáronse as medidas que se porán en marcha nas vindeiras festas de Nadal. Pola súa banda, a Policía Nacional adiantou que realizará controles para evitar furtos, estafas ou botellóns, e levará a cabo unha campaña de medidas de prevención para que os cidadáns apliquen cando deixen as súas vivendas valeiras con motivo das vacacións.

Xunto a subdelegado e alcalde, na Xunta Local de Seguridade estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; a xefa e o inspector da Policía Local, María Barrera e Baldomero Rubio; os inspectores xefe da Brigada de Seguridade Cidadá e de Participación Cidadá da Policía Nacional, José Manuel Barbero e José Antonio Armero; o xefe da Policía Autonómica, Breográn Rivo; a presidenta da A.V. Ourense Centro, Patricia Santamaría; a xerente do Centro Comercial Aberto Ourense Centro, Lorena Tato; e o presidente da Asociación de Propietarios de Fincas Urbanas, Pedro Seara.

 

Artigos relacionados

Back to top button