
A tempada de pesca continental en Galicia para o ano 2025 comezará o vindeiro 16 de marzo e estenderase ata o 31 de xullo, con carácter xeral. Así se acordaba durante a reunión ordinaria do Consello Galego de Pesca Continental, celebrada na mañá deste martes 15 de outubro e que estivo presidida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, contando coa participación dunha ampla representación dos distintos axentes implicados neste sector na Comunidade.
Durante a xuntanza, analizáronse as propostas a ter en conta na orde anual que se publicará proximamente e que regulará os períodos hábiles de pesca para a vindeira tempada, abordándose tamén o establecemento das respectivas normas e determinacións para cada especie.

Así, no caso da troita, o período xeral abrirase o 16 de marzo de 2025 prolongándose a súa pesca ata o 31 de xullo, coas excepcións das masas de auga salmoneiras e as de montaña, nas que a tempada comezará máis tarde, concretamente, o 1 de maio.
Por outra banda, nos coutos de pesca intensiva e nos tramos de pesca sen morte, poderase pescar ata o 30 de setembro, mentres que nos coutos con convenio, con carácter xeral a tempada prolongarase ata a mesma data na modalidade de sen morte.
No que respecta ao salmón, os pescadores poderán desenvolver a súa actividade a partir do 1 de maio e ata o 31 de xullo. A cota de captura desta especie no río Mandeo (A Coruña) establécese en 2 exemplares; nos ríos Masma e Salmeán (Lugo), será de 5 e 10 exemplares, respectivamente; e no Miño (Ourense), o límite será de 2 salmóns.



