CulturaCulturaÚltima hora

A terceira edición do Serán Da Pousa de Monterrei voltará a encher a Lagoa

Cedida.

 

O sábado 2 de setembro A Pousa de Monterrei será escenario da terceira edición do Serán da Pousa, unha xornada festiva inspirada nos tradicionais “seráns” nos que a música tradicional é a protagonista, xunto cunha variada proposta de actividades que poñen en valor o respecto á natureza e a vida na aldea.

Trátase dunha iniciativa que levan a cabo as veciñas do pobo e ten como obxectivo principal unir música tradicional, natureza e convivencia interxeracional á beira do río Támega. Durante toda a xornada faranse actividades que culminarán cunha cea popular con porco ó espeto, empanada, bica e música a fartar.

A programación promovida pola organización para o 2 de setembro comeza ás 12:30h cunha sesión vermú con música en directo. Nesta participarán músicas e músicas da comarca que amenizarán a Lagoa con éxitos de todos os tempos. Ademais, desde a organización anímase a todos aqueles músicos que queiran participar, xa sexa tocando ou cantando, a achegarse á beira do río para botar unhas cancións, xa que contarán cun micro aberto.

Tras disto chegará un picnic compartido á beira do río para retomar a antiga costume de comer coa familia e as amizades nas festas ao aire libre. Durante a tarde, a partir das 17:30h, engádese unha nova actividade que busca dar a coñecer a aldea a través dos seus veciños e veciñas máis lonxevos: “ A Pousa Free Tour” será unha visita guiada e acompañada de música pola historia e a intrahistoria da aldea.

“A través desta actividade buscamos involucrar ás persoas de máis idade da aldea, e aprender máis sobre A Pousa, as propias veciñas e a xente que nos visita. Ademais, agora que acabamos de estrear beirarrúas, pensamos que é un bo momento para ensinar a aldea e celebrar esta humanización da estrada tan necesaria e esperada”, din os promotores.

O prato forte da xornada e que dá nome á festa é o serán no que a música virá da man de catro grupos de música tradicional: Nova Era, Candaira, Os Trouleiros de Medeiros e Os Chavalines, que amenizarán a última hora da tarde ata que chegue a hora da cea.

 

 

 

Desta vez o menú chega de Portugal cun porco ó espeto ao que se sumará a empanada e a bica. Tamén contarán con opcións no menú aqueles que sexan veganos ou celíacos. Para esta cea é necesario mercar previamente un ticket no Bazar Souto por valor de 8€.

Tras dela, chega a foliada compartida que continuará despois do lusco fusco ata convetirse nun guateque ó lado do río no que a música galega será a máxima protagonista. Para a cea pódense adquirir os tiques ata o 1 de setembro, e o resto das actividades son de acceso libre. Ademais, no bar da comisión tamén se poderán adquirir tiques para o sorteo dunha churrasqueira, desta maneira buscan a colaboración coa Asociación de Mulleres de Monterrei na organización deste evento.

A Pousa de Monterrei é coñecida entre a xente da comarca porque ó redor da ponte que une a localidade coa ecovía do Támega. A praia fluvial “A Lagoa” convírtese nun dos lugares favoritos das bañistas durante os cálidos veráns e é aquí onde acontece o esperado Serán da Pousa. Durante todo o día haberá bar da comisión e as organizadoras animan a que a xente leve os seus instrumentos tradicionais, que pasen unha xornada familiar no río, e disfruten dun entorno natural idóneo para xogar, descansar ou disfrutar en compañía.

Artigos relacionados

Back to top button