CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A tradición oral do Couto Mixto, recollida por José Rodríguez Cruz

“O Couto Mixto. Aspectos folclóricos”, o último libro deste etnógrafo da Gudiña, vén de presentarse no Liceo de Ourense

Cúmprense 150 anos da extinción definitiva do Couto Mixto, datada en 1868. Este era un enclave histórico na zona fronteiriza entre Galicia e Portugal que funcionou como independente durante sete séculos e con determinados privilexios. No marco desta conmemoración, o 3 de xullo presentábase en Ourense a obra “O Couto Mixto. Aspectos folclóricos” (Laiovento, 2018), realizada polo etnógrafo José Rodríguez Cruz, natural da Gudiña e colaborador do Periódico O Sil.

O acto, ao que o autor non puido asistir por motivos de saúde, contaba coa presenza de Xosé González Martínez, de Xosé Manuel Fernández Cid e, como presentador, de Francisco Novoa, os tres membros da Asociación Amigos do Couto Mixto. “O Couto Mixto é a idealización do que podería ser para nós unha Galicia que fose dona de seu, que viva en concordia e democraticamente e que teña un peso específico”, dicía na súa intervención González Martínez, que lembraba as diversas accións levadas a cabo dende a citada asociación para dar a coñecer e poñer en valor esta zona entre Ourense e Portugal. Tamén comentaba que este dicurso transfronteirizo ten sido recollido en obras de autores moi diferentes a ambos lados da raia, pero “faltábanos un traballo de antropoloxía e animamos a Pepe Cruz. Fixo un traballo de campo e pateou o Couto Mixto buscando información e conversando coa xente maior”, engadía.

Sobre a obra afondaba Fernández Cid. “O Couto Mixto. Aspectos folclóricos”, dicía, é un libro breve, dunhas 85 páxinas, que recolle contos, relatos e lendas da tradición oral, froito dun labor de recolleita durante moitos anos de Rodríguez Cruz. “É un material valiosísimo para completar outros aspectos etnográficos de ambos lados da Raia”.

Xosé Manuel Fernández recordaba a traxectoria como investigador e escritor de José Rodríguez Cruz e comentaba a estrutura deste novo libro dun “autor comprometido coa terra, coa cultura e coa lingua”. Consta dun prólogo “breve, pero clarificador, do Padre Fontes sobre o Couto Mixto visto desde o lado portugués”, xunto cunha presentación de Luis García Mañá, situando o traballo na historia deste enclave. E, tras unha tamén breve declaración de intencións, o autor dá paso a relatos sobre o comercio, o liño, o contrabando, os lobos, a Santa Compaña… O volume conclúe cun “Testamento do Burro” propio do Entroido e co himno do Couto Mixto.

“É un traballo de recolla e transcrición que evita que se perda un material que hoxe nos pobos xa non se ve porque non vai quedando quen o conte, pero sobre todo non hai a quen contarllo”, engadía Xosé Manuel Fernández, que reivindicaba a necesidade de “introducir o patrimonio e a cultura popular no sistema educativo”.

Os ponentes tamén se referían á celebración o vindeiro 7 de xullo ao acto de nomeamento de novos xuíces do Couto Mixto na igrexa de Santiago de Rubiás. Desta volta os novos xuíces honorarios serán os presidentes das Freguesías de Sotelinho, Lamadarcos e Cambedo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button