Dos 10 alumnos do IES Xermán Ancochea Quevedo de Trives que realizaban as probas da ABAU 2021 no instituto da Rúa, dous conseguían a excelencia académica: Mario Crespo Pérez e Alexandra Sierra Rioz.
Cun 9,342 na fase xeral e 13,192 nas notas de mellora, Alexandra Sierra conseguía ademais unha beca académica para estudar nos Estados Unidos os vindeiros catro anos. “Estaba desexando ter unha oportunidade así” asegura a xove trivesa, explicando que se trata dunha beca da Universidade de Misuri que lle cubre practicamente todos os gastos (comida, residencia e case todo o curso) para a cal, a maiores do expediente académico piden un nivel de inglés que esta excelente estudante, ten.
Alexandra estudou o Bacharelato de Humanidades e aínda non ten claro que carreira estudar. “Decántome pola rama de Criminoloxía pero tamén me gusta a de Artes, co cal estou aínda indecisa”, asegura, pendente xa da partida cara EE.UU. “O 24 de agosto comezamos as clases así que supoño na semana do 20 collerei o voo e marcharei”, explica emocionada e con ganas de comezar esta nova experiencia.