OurenseÚltima hora

A UNED inicia o curso “cun equipo directivo que aposta por potenciar a presenza da institución na provincia”

O acto de apertura do curso académico 2023-2024 da Universidade Nacional a Distancia en Ourense estivo presidido por primeira vez polo reitor, Ricardo Mairal Usón

 

Na tarde do mércores 8 de novembro o Centro Cultural Marcos Valcárcel acollía o acto de apertura do curso académico 2023-2024 da Universidade Nacional a Distancia en Ourense, que estivo presidido por primeira vez polo reitor da UNED, Ricardo Mairal Usón.

O presidente provincial, que previamente mantivo unha recepción institucional co reitor no Pazo Provincial, participou no acto solemne desta tarde, onde sinalou que “a UNED inicia un novo curso coa ilusión que sempre caracteriza a quen cre no que fai, cun equipo directivo que aposta por potenciar a presenza da institución en toda a provincia, como é o caso da súa sede en Valdeorras, en A Rúa. E faino alentada por esas máis de 1.000 persoas que cada ano atopan na súa oferta formativa un motivo polo que seguir aprendendo”.

 

Reunión do presidente da Deputación de Ourense con Ricardo Mairal Usón (Reitor da UNED), acompañado de Jesús Manuel García Díaz (Director da UNED en Ourense).

 

Luis Menor quixo falar tamén desde a súa experiencia persoal “como alumno que fun e pretendo volver a selo, por iso sei perfectamente que todo canto se diga bo da calidade da ensinanza da UNED en Ourense é xusto, acaído e obxectivo”. De feito, remarcou que “o alumnado demostra que Ourense é unha provincia de mulleres e homes que queren aprender. E que o fan cunha clara mostra de compromiso, o que debe ter unha persoa para estudar sen as facilidades da formación presencial”. Por elo, o presidente provincial deixou patente que “de axudalos nese compromiso encargarase o estupendo equipo da UNED de Ourense, e niso colaboraremos as institucións, como a Deputación de Ourense, que con total convicción é unha das entidades que financian o Consorcio desde os seus inicios, hai 31 anos”.

No remate da súa intervención, na que Luis Menor quixo agradecer o seu labor a toda a comunidade educativa da UNED na provincia, sinalou que “estamos ante unha mostra máis desta provincia con inquedanzas, ganas de se superar e de avanzar grazas á formación e ao coñecemento, ferramentas que son a gran razón de ser da UNED, que tanto bo fixo por esta provincia e que así o sigue facendo. Desde logo, facedes provincia e a Deputación sempre estará ao voso carón para seguir facendo Ourense entre todos”.

 

Artigos relacionados

Back to top button