OurenseÚltima hora

A única proba da “Gladiator Race” que se celebra este ano en España, será en Muíños (Ourense)

O 30 de outubro, máis de 400 participantes de quince provincias e do norte de Portugal, percorrerán un circuíto de 6 km salvando máis de 25 obstáculos do máis diverso tipo

Publicidade
Presentación da “Gladiator Race” Muíños.

 

O complexo turístico e deportivo do Corgo, no Concello de Muíños, acollerá o 30 de outubro unha nova edición da Gladiator Race, a única carreira de obstáculos desta modalidade deportiva que se celebrará en España en 2021 e na que están inscritos máis de 400 participantes procedentes de quince provincias e do norte de Portugal. A proba, froito do convenio entre o Inorde e a Axencia Galega de Turismo, foi presentada esta mañá no Pazo Provincial coa asistencia dos vicepresidentes da Deputación, Rosendo Fernández e Plácido Álvarez, este último en calidade tamén de alcalde de Muíños, e o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Nesta competición os deportistas percorrerán un circuíto de 6 quilómetros que porá a proba a súa capacidade de superación, xa que terán que salvar máis de 25 obstáculos reptando, atravesando muros, pirámides, trasladando pesos ou mesmo subindo por unha corda vertical de 4 metros de altura, todo elo mesturado con elementos como auga, xeo, barro ou lume. Ademais, ao longo da carreira tamén deberán esquivar a gladiadores, unhas das caracerísticas singulares desta proba ao incluír actores que farán aínda máis duro o percorrido.

A Gladiator Race conta cun importante número de afeccionados en toda España, o que se reflicte nas 15 provincias de procedencia dos 400 participantes, ademais do norte de Portugal, e no feito de que máis do 80 % dos participantes veñen en grupos. Xunto co nivel de esixencia cómpre destacar o espírito de colaboración dos deportistas, ata o punto de que nun dos equipos figura un corredor que fará o circuíto en cadeira de rodas, axudado polos seus compañeiros.

 

Artigos relacionados

Back to top button