ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

A V Festa do Casco Vello encherá de música e degustacións gastronómicas a praza Maior do Barco

Esta celebración, previsto do 16 ao 17 de xuño, terá como complemento a II Feira do Porto da Barca, o día 17 na praza de San Mauro

 

Propostas enogastronómicas novidosas, abundante música e moi variada, malabares, humor, artesanía e produtos locais ao longo de dúas xornadas festivas no berce da vila do Barco. Son algúns dos ingredientes do programa da V Festa do Casco Vello e da II Feira do Porto da Barca, que se celebrarán na fin de semana do 16 e 17 de xuño. Trátase dunha iniciativa na que se unen cinco establecementos de hostalaría desta zona da vila (Excalibur, O Buraco, Agarimo, Veira Sil e 13/14) e o Concello, a través da súa Concellería de Turismo.

“Ata o de agora levamos 5 edicións, que só se interrompían pola pandemia, e a verdade é que estamos moi contetos coa resposta da xente, que o pasou moi ben e desfrutou. Este é un tipo de festa diferente, no que a xente participa moito. Este serán dous días, a xornada do venres está pensada para a xente máis nova e  a do sábado para nenos e xente maior, e se tempo acompaña, pensamos que haberá moi bo ambiente”, sinalaban os membros da comisión organizadora esta tarde nunha rolda de prensa celebrada na praza Maior na que se presentaba o programa.

Será nesa mesma praza onde se inicien os actos festivos a partir das 20h. do 16 de xuño coa apertura dos postos dos cinco bares participantes, que ofrecerán petiscos variados. No caso do Buraco serán bocadiños de solombo á pementa, chourizo á sidra e como complemento queixo e xamón, no posto do Agarimo poderá degustarse orella, torreznos e perritos; no expositor do Excalibur tortilla e lacón con salsa; no do 13/14 o Burrito 13/14 e no do Veira Sil “pinchos morunos”. “Os prezos moi asequibles como todos os anos co fin de que a festa funcione”, aseguran os organizadores.

 

Imaxe da pasada edición da Festa do Casco Vello do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tamén arredor das oito e media animarase o ambiente coa actuación dun grupo de música tradicional e xa ás 22 horas subiranse ao escenario os Wavy Gravies. Pouco antes da medianoite, ás 23:30h. tomarán o relevo musical The Bo Derek’s, unha banda liderada por Óscar Avendaño, ex compoñente de Siniestro Total. E xa á unha da madrugada chegará o son do picadiscos Dj Dani Argü.

Na xornada do sábado 17 de xuño incorporarase un novo espazo a esta celebración: a praza de San Mauro. Neste marco cobrará vida a II Feira de Artesanía e Produtos Locais Porto da Barca. O seu horario irá das 18h. ás 23h. e reunirá a uns 13 postos de produtos locais e moi variados, entre os que non faltarán os gastronómicos.

Pero a feira irá máis aló da exposición e venda de diferentes artigos. As persoas que se acheguen á praza de San Mauro poderán asistir a dúas interesantes actividades que animarán o recinto feiral. Ambas están dirixidas a público infantil e familiar. Así ás 19h. Guti Malabarista, un artista barquense que xa actuara na primeira edición da feira, presentará a súa nova proposta: “O condutor de Orquestra”. Deseguido, ás 20h., os visitantes da mostra poderán desfrutar con “Trío de Tres”, un espectáculo musical infantil de humor.

 

 

Ademais, dende ás 20h. poderán saborearse de novo os petiscos dos expositores dos bares na praza Maior. E, ademais, cunha suculenta novidade: a 1ª Festa da Empanada de Valdeorras, co que pretende exaltarse a gran variedade de elaboracións deste tipo que existen na comarca. As propostas, segundo os bares, serán as seguintes: empanada de calamares (O Buraco), empanada de maravallas e de polo (Agarimo), empanada de bacallau (Excalibur), empanada de carnes (13/14) e empanada batallón (Veira Sil).

Xa a partir das 22h. volverán as actuacións musicais á praza Maior con Nuevo Plan, unha banda de versións moi recoñecida que interpretará cancións de grupos pop-rock españois. Despois o Dj Dani Argü poralle son a madrugada, cunha actuación cuxo comezo está previsto para as 23:30h.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button