En portadaÚltima hora

A V Mascarada Ibérica de Viana e Vilariño reunirá 42 festas de inverno nun desfile con 800 participantes

Este evento cultural, que se celebrará na fin de semana do 26 e 27 de xaneiro, presentábase esta mañá na Deputación de Ourense
Acto de presentación da V Mascarada Ibérica na Deputación de Ourense.

 

Todo está xa a punto para a celebración da V edición da “Mascarada Ibérica de Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Este encontro internacional, que se celebrará na fin de semana do 26 e 27 de xaneiro, reunirá a 800 participantes de celebracións diferentes da provincia e de Galicia, así como doutros lugares da xeografía nacional como Zamora, León, Pontevedra, Guadalaxara, Asturias, Cantabria e Cáceres.Tamén haberá máscaras do norte de Portugal.

A presentación deste evento cultural tiña lugar este 22 de xaneiro na Deputación de Ourense, nun acto no que participaban o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández; a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía; a secretaria da asociación “Xuntos polo fulión” de Vilariño de Conso, María José Domínguez; e o presidente de “Fulións Rurais” de Viana, Jorge Domínguez.

Esta celebración cultural comezará no municipio de Viana do Bolo o 26 de xaneiro a partir das 16:30 horas, e no Concello de Vilariño de Conso, o día 27 de xaneiro a partir das 11:30 horas. O obxectivo deste encontro, co que colabora a Deputación de Ourense, é “dar a coñecer os entroidos ou carnavais de moitos lugares da Península”, explicou Manuel Doval, quen lembrou que o Entroido en Ourense é “unha das celebracións máis importantes”.

En ambos municipios celebrarase un desfile no que sairán á rúa as máis de 800 persoas procedentes dos 42 grupos participantes de diferentes lugares de España. Neste sentido, Jorge Domínguez dixo que se trata do “desfile multicultural e tradicional máis importante que se celebra en España, con 42 celebracións e que ten vocación de ser, co tempo, máis internacional”. E engadía que cada vez é maior o apoio da mocidade e das institucións con esta celebración, lembrou que Ourense é “a provincia con máis representacións de Entroido de España” e explicou que a data de celebración da “Mascarada Ibérica” está pensada para que teña lugar “antes de que tódolos grupos comecen coas festividades dos seus Entroidos”.

Pola súa parte, a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, salientou que o máis importante desta celebración que “crece cada ano” é “que moitos Entroidos pequenos pódense presentar na Mascarada e, polo tanto, darlles a oportunidade de que non se perdan, así como o feito de poder ver tódalas mascaradas nun mesmo sitio”. Así mesmo, Melisa Macía dixo que a “Mascarada Ibérica” ten un importante impacto socialmente, pero tamén economicamente, sendo “o escaparate perfecto para amosar os noso produtos e a nosa riqueza paisaxística”.

En canto á evolución desta celebración, o rexedor vianés Secundino Fernández fixo referencia a súa crecente participación pois “hai cinco anos comezamos con menos de dez grupos, e agora chegamos á quinta edición con 42 grupos participantes de moitos lugares de España” e convidou á xente a achegarse a este evento para “sentir a cultura e a tradición en directo no rural, onde se desenvolve o Entroido”. Ambos rexedores locais aproveitaron para agradecer e felicitar ás asociacións de Viana e Vilariño polo seu labor organizativo nesta celebración.

Artigos relacionados

Back to top button