A RúaConcellosCulturaCulturaÚltima horaVídeos

A valdeorresa Elisa Alonso presenta na Rúa o seu libro sobre a corentena vivida en Australia

O acto tiña lugar no Centro Cultural Avenida, rodeada de familiares, amigos e veciños

 

Todo o mundo viviu ou mellor dito sufriu a corentena polo Covid 19, pero moi poucas persoas utilizaban a escrita para sobrelevala e moito menos se decidían a escribir un diario que máis tarde collería forma de libro e sería publicado.

Unha desas persoas valentes, aventureira e curiosa como ela mesma de define, é Elisa Alonso Fernández, ruesa de Petín ou petinesa da Rúa, valdeorresa en todo caso e membro dunha numerosa e coñecida familia no val que na tarde do mércores 4 de xaneiro, en plenas festas de Nadal e roedada de numerosos amigos, familiares e veciños, presentaba a súa primeira obra literaria ‘Diario de una cuarentena voluntaria en Sidney’.

 

 

O acto, presentado polo concelleiro de Cultura da Rúa José Vicente Solarat, tiña lugar no Centro Cultural Avenida, onde anos atras se proxectaba o filme favorito de Elisa, Cinema Paradiso, contando cunha extensa minuciosa e apaixonada intervención de José Manuel Rubín quen fixo un pormenorizado percorrido pola vida de Elisa  Alonso, apaixoada viaxeira, autodidacta e “obstinada por natureza convencida de que os soños sempre se acaban cumprindo a base de constancia e ambición”, tal como ela mesma asegura, que vivía en diferentes partes do mundo (París, Hong Kong, Kuala Lumpur, Grecia,…) e máis recentemente Australia e Nova Zelanda, onde residen actualmente, aínda que leva Galicia e moi especialmente a súa terra, A Rúa, no seu corazón e pensamento, un sentimento que queda latente no seu libro.

 

 

Un libro que comezou a fraguarse dous anos atrás. “Cando os Gobernos de varios países empezaron a tomar medidas, para tentar atallar a pandemia que se aveciñaba, debido a un descoñecido virus chamado Covid-19, ao atoparme nese momento vivindo en Sydney coa miña familia, decidín que, a través das miñas contas de Instagram e Facebook, publicaría as miñas impresións a diario, vistas desde a perspectiva dunha española, que se atopaba a miles de quilómetros da súa terra e os seus seres queridos”, conta a propia Elisa, recoñecento que este diario “foi unha gran terapia neses momentos complicados de incerteza, e axudoume, sobre todo, a sentirme máis preto que nunca da miña xente”.

 

 

Ao longo destes “50 días-50 relatos marabillosos”, Elisa escribiu nas redes sobre historias locais australianas, meigas galegas, Star Wars, a vida dos expatriados e as súas sensacións, viaxes sen planificar, fillos, Nais con maiúscula e moi especialmente a súa, comida rexional, azafatas de voo, o efecto perspectiva, paxaros e pajarracos, entre outros, e sobre todo, “lendo os comentarios da miña familia, amigos, contactos e mesmo descoñecidos navegantes internautas, rimos, emocionámonos, indignámonos, namorámonos e ata choramos. E xuntos, sentímonos máis preto que nunca”, di a escritora, lanzando como mensaxe que “facendo un bo uso das redes sociais, nunca estaremos sos. Non importa en que parte do mundo te encuentres, sempre haberá alguén ao outro lado da pantalla disposto a lerte e acompañarte”. De feito o libro remata con esta reflexión: “A soidade establécea a distancia. E eu, estando tan lonxe, nunca me sentín tan acompañada”.

 

 

Como acompañada se sentiu tamén onte, non só polo seu marido e fillos senón por tanta xente que a quere e quixo compartir con ela as anécdotas da súa infancia e xuventude, e tamén un viño.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button