DeportesÚltima hora

A valdeorresa Inés Docampo, convocada pola selección galega de atletismo para o Campionato de España de federacións

Da lista da convocatoria tamén forma parte outra atleta do Adas, María Cedrón, e a verinesa Antía Castro

A atleta valdeorresa Inés Docampo, nunha recente competición./ Foto: Club Adas.

 

A proposta do responsable e do Director Técnico da Federación Galega de Atletismo (FGA), esta entidade vén de convocar aos integrantes da Selección Galega de campo a través para tomar parte esta fin de semana no campionato de España por Federacións na localidade biscaina de Ortuella.

A esta importante cita acuden un total de corenta atletas galegos, entre os que está a valdeorresa Inés Docampo Gamarra (Club Adas Cupa), para as categorías absoluta, Sub23, Sub20 e relevos mixto, cuxo obxectivo será estar nas zonas importantes da clasificación á que tamén aspiran os máis de medio milleiro de atletas en representación das dazasete comunidades autónomas.

Así, por parte do combinado galego, destaca na categoría absoluta feminina a presenza das internacionais Ester Navarrete do Celta e as irmáns Joselyn e Edymar Brea xunto ás cales estará a campioa galega da modalidade Laura Santos intentando conducir á selección a un dos postos importantes do campionato. Pola súa banda, o campión galego de campo a través, o lucense do Lucus Esteban Iglesia, será o encargado de liderar o combinado absoluto masculino.

O estradense El Mehdi El Naboaui en excelente estado de forma e moi motivado logo da súa retirada na edición do ano pasado, será a baza máis importante no equipo galego Sub23. A maiores, a selección tamén contará ca presenza dos atletas do Celta Hugo García, campión galego Sub23, e Hugo Suárez, subcampión de España dos 5.000 Sub20.

Nas mulleres Sub23 especial atención tanto a verinense Antía Castro do Ourense Atletismo como a xa mencionada Inés Docampo, que recentemente lograban un histórico resultado ao proclamarse campioas de Europa por equipos Sub20 ca selección española na localidade de italiana de Turín. Xunto elas estará tamén defendendo as cores galegas, a campioa galega da modalidade María Cedrón do Adas.

Na categoría Sub20 contaremos cos campións de Galicia Isabel Caeiro da Gimnástica e Victor Ramos do Triki Team os cales terán a responsabilidade de liderar a selección nesta categoría. Por último nos relevos mixtos o combinado galego estará integrado polas célticas Zoe Michelle e Eva Piñel así como polos pontevedreses da Gimnástica Pablo Bocelo e Adrián Lago.

Como xefe de equipo viaxará o técnico e responsable do sector de campo a través da federación, Santiago Saco.

 

Artigos relacionados

Back to top button