Na mañá deste venres 6 de setembro, a unha semana para que remate o prazo de presentación dos textos para participar no V Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, a xerente da Fundación Florencio Gurriarán presentaba aos membros do xurado.
Na Biblioteca Municipal de Petín (no segundo andar do Teleclub), acompañada polo tenente de alcalde de Petín, Amancio Díaz e polo membro do Padroado da Fundación, Miguel Bautista, Débora destacou que sempre forma parte do xurado o gañador da anterior edición que neste caso é Beatriz Dourado, gañadora no 2022 co poema Ancorar toda esta auga.
Formará tamén parte do xurado Delfín Caseiro Nogueira, Catedrático en Lingua e Literatura Galegas e inspector de Educación ademais de escritor; Raúl Diz Casal, guitarrrista e mestre de música que musicalizou poemas de Florencio no 2022; como representante da comarca, María Carmen Gago Florenti, presidente da sección Poética e Literaria do IEV, poeta, narradora e crítica literaria; e Manuel Xestoso, escritor e tamén crítico literario.
A xerente da Fundación destaca que xa se teñen recibido máis de cincuenta pezas candidatas e que agardan que nestes últimos días entren moitas máis. Pódense presentar ata tres poemas por persoa e o prazo remata o próximo 15 de setembro. As obras deben mandarse a través do formulario dispoñible na web da Fundación onde tamén están recollidas as bases. O día 7 de outubro publicarase a relación dos finalistas e o día da Gala darase a coñecer ao gañador.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.



