ConcellosLaroucoÚltima hora

A veciñanza de Larouco coñece a Xares, o pequeno que viviu hai 2.000 anos no Castrillón

Este sábado, no marco da conmeración do Día Internacional dos Monumentos e Sitios, dábanse a coñecer os resultados das intervencións arqueolóxicas realizadas neste xacemento prerromano

 

 

Esta mañá a veciñanza de Larouco coñecía os resultados das últimas investigacións arqueolóxicas realizadas no xacemento prerromano do Castrillón (Larouco), e promovidas pola Xunta en colaboración co Concello. Este acto, que tiña lugar no salón de actos, enmarcábase na celebración do Día Internacional dos Monumentos e Sitios que se conmemora o 18 de abril.

Coa primeira intervención neste asentamento da Idade do Ferro no 2020 saía á luz unha cabana rupestre e un pequeniño anaco de carbón que lles ía permitir aos arqueolólogos de Xeitura Patrimonio SCoopGal. datar o xacemento. E no 2021 a localización dunha ola enterrada no chan o convertíao nun castro único en Galicia porque este tipo de enterramentos en urna dentro de cabanas rupestres non existe na comunidade. Así, baixo o pavimento dunha vivenda castrexa rescataron unha ola típica do fin do mundo dos castros que fora enterrada e tapada cunha lousa. Unha práctica propia do final da Segunda Idade do Ferro que reincidía na datación xa adiantada na campaña de 2020.

 

Imaxe da ola no momento de ser atopada baixo o pavimento dunha das cabanas do Castrillón (Larouco)./ Fotos: Xeitura Coop. Gal.

 

Ademais de lembrar a evolución dos traballos realizados ata o de agora no castro e o camiño cara o que levan estas investigacións, o arqueólogo Martiño Xosé Vázquez, daba a coñecer hoxe por vez primeira e ante a veciñanza as analíticas, realizadas polo antrópologo forense Fernando Serruña, que confirman o enterramento infantil dun pequeno hai máis de 2.000 anos e que se decidía “bautizar” este sábado co nome de Xares, “é un nome xenérico porque non sabemos se era neno ou nena”, indica Martiño Vázquez. Ademais engade que hai paralelos de enterramentos deste tipo “noutras latitudes que deixan as claras que estamos diante dun enterramento infantil e os veciños coñécerono hoxe de primeira man, a parte de coñecer todos os avances que se fixeron no xacemento a nivel de extensión, de tipo de vivendas e construción, de tipoloxía de cerámica, etc”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button