A VeigaConcellosÚltima hora

A Veiga acollerá o 8 de outubro a primeira edición da “Gran Carreira de Carrilanas”

A proba, organizada por "Espazo Carrilano" espera reunir a unha vintena de equipos federados

Presentación da I Gran Carreira de Carrilanas, na Veiga.

 

O concello da Veiga acollerá a primeira edición da “Gran Carreira de Carrilanas”, un evento que conta coa colaboración do Inorde e que se celebrará por primeira vez no municipio valdeorrés o vindeiro 8 de outubro. A presentación da proba tiña lugar na mañá deste xoves 22 de setembro no Pazo Provincial, coa asistencia do presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o representante de “Espazo Carrilano”, Marcos Porto.

Rosendo Fernández felicitou a “Espazo Carrilano”, organizadores da proba, por “impulsar iniciativas deste tipo que contribúen a dinamizar a vida social e económica dos municipios, converténdose nunha gran oportunidade para que a xente coñeza o potencial do noso territorio, neste caso, da Veiga”. Ademais, o presidente do Inorde destacou o gran traballo que supón organizar este tipo de eventos polo que “agradezo que a propia veciñanza se implique no desenvolvemento dos territorios, sobre todo a mocidade, e continúen a apostar polos nosos pobos, xa que é a maneira de que afrontemos xuntos o reto demográfico”.

Neste mesmo sentido, o alcalde da Veiga dixo que o “protagonismo desta iniciativa é todo para a mocidade da Veiga de “Espazo Carrilano” por ser os promotores absolutos desta idea, que demostra o arraigo que senten todos eles polo noso pobo e, por elo, son un exemplo claro de que se hai más persoas coma eles, hai máis pobos vivos”, dixo, convidando a todo o mundo (amateur e profesional) a participar nesta primeira edición.

 

O representante de “Espazo Carrilano”, o presidente do Inorde e o alcalde da Veiga, na presentación.

 

Paralelamente á propia carreira, o evento comezará cunha serie de obradoiros centrados na construción das carrilanas, dirixidos, fundamentalmente, á xente do municipio, explicou Marcos Porto. E, o vindeiro 8 de outubro, celebrarase a carreira propiamente de carrilanas, aberta a todo o público e que terá dúas fases: a primeira será a fase sen federar pensada para correr dunha maneira máis informal, aínda que a organización ofrece a posibilidade de poder competir por unha serie de premios; e a segunda fase da carreira será federada, onde pilotos con máis experiencia competirán de maneira oficial no Campionato Galego, explicou Marcos Porto.

Neste momento, “contamos xa con 7 equipos na modalidade amateur, incluso sen haber comezado a divulgar o evento, polo que esperamos contar con 10-12 equipos nesta fase, e na parte competitiva podemos ter unha vintena de equipos federados”, sinalou Marcos Porto.

“A finalidade principal de todo o evento é crear movemento no municipio e atraer ao mesmo tempo xente doutros lugares, xa que como acontece en moitos outros sitios do rural a afluencia de visitantes baixa, polo que con este tipo de eventos logramos darlle máis vida ao noso pobo”, engadiu o representante de “Espazo Carrilano”.

Artigos relacionados

Back to top button