CulturaCulturaÚltima hora

A vida no exilio e o regreso de Florencio Delgado á “Galicia infinda”, abordados na Coruña

O investigador valdeorrés Ricardo Gurriarán impartía unha conferencia dentro dos actos do colectivo Valdeorras Infinda

Publicidade

 

“Florencio Delgado Gurriarán: a vida no exilio e o regreso efémero da Galicia infinda” era o título da conferencia que impartía onte na Coruña o historiador Ricardo Gurriarán dentro do ciclo de actividades organizadas este ano polo colectivo Valdeorras Infinda, en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Tras unha primeira charla -que tiña lugar o 12 de xaneiro- na que Ricardo Gurriarán abordaba a vida de Florencio Delgado Gurriarán (autor homenaxeando nas Letras Galegas de 2022) ata a súa chegada a México, nesta segunda ponencia completaba o percorrido vital do poeta corgomés, salientando o seu labor no exilio mexicano. O conferenciante era presentado por Emilio Vega.

A súa intervención concluía dun xeito moi animado e orixinal. Tanto o ponente como os asistentes cantaban xuntos os versos do poema de Florencio “Hai sede na Nova Galicia”, ao que Xurxo Souto lle poñía música.

Ricardo Gurriarán é licenciado en Educación Física (INEF) pola Universidade Politécnica de Madrid . Exerceu a docencia nun instituto de Santiago de Compostela. É tamén doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela. Autor de numerosos –e premiados– estudos de investigación, Ricardo é un dos máximos especialistas na figura de Florencio Delgado Gurriarán. En 1999, publicaba en Ediciós do Castro, Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, libro que acaba de reeditar en 2022 na Editorial Galaxia.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button