
Na tarde deste martes 11 de febreiro O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, acolía a inauguración oficial dos XXII Encontros Familia-Escola ‘Educando Saudablemente 2.0’ organizados pola Asociación Cultural Vagalume en colaboración co Concello do Barco, a Deputación de Ourense, Iberdrola, o Clúster da Pizarra de Galicia, Cupa Group, Adegas Godeval e o Hotel Pazo do Castro.
O acto estivo presidido polo alcalde do Barco, Alfredo García; a alcaldesa de Carballeda e delegada especial da Deputación de Ourense para Valdeorras, María del Carmen González; a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta; e o presidente de Vagalume, José Fernandez.
O doutor en Psicoloxía e profesor da Universidade de Vigo, Manuel Isorna foi o encargado de abrir este ciclo de conferencias. Baixo o título “non me en-REDES”, puxo sobre a mesa os perigos que supoñen a mala xestión no consumo de redes sociais e outras adiccións. Responsable de prevención de drogodependencias do Concello de Catoira durante 25 anos, cargo polo cal que recibiu en 2012 o Premio Reina Sofía e en 2013 o premio da FEMP polas “Boas prácticas en Drogodependencias”, é autor de numerosos libros e artigos científicos vinculados ao ámbito da educación, os adolescentes e o consumo de drogas.
Este ano Vagalume conmemora o seu 25 aniversario. A asociación destaca polas súas múltiples iniciativas enfocadas en todo momento a promover a educación de calidade, o benestar das familias e os mozos e a inclusión. O ciclo continuará o próximo día 25 de febreiro cunha charla de Rosa Molina sobre “Microtraumas e o seu impacto no benestar emocional”.