OurenseÚltima hora

A VIII Gala contra o cancro de Ourense presenta un cartel 100% feminino

Pili Pampín, Sabela, Lucía Rodríguez, Tania Veiras, Dos de Copas, Arantxa Treus e Jazmín Abuín xunto con Meigas Tribal estarán nesta edición que se celebrará o 15 de decembro no Auditorio Municipal

 

Tras 3 anos sen ter lugar, a Gala contra o Cancro de Ourense volve este ano para celebrar a súa oitava edición o venres 15 de decembro no Auditorio da cidade.

Tras sete anos, a Organización presenta artistas de diferentes estilos, xeracións e carácter. Repite o grupo de baile Meigas Tribal, un grupo de danza ourensán que combina estilos de baile que van dende a danza do ventre, pasando polo charleston e o estilo clásico.

 

 

Tras a súa colaboración co referente galego do trap, Ortiga e como colaboradora e presentadora habitual de programas de televisión, a artista Pili Pampín deleitaranos coa súa música, tras máis de 30 anos de traxectoria. Cando comezou a cantar Pili, alá por 1993, naceu Sabela, outra das cabezas de cartel desta edición. Tralo seu paso polo reality Operación Triunfo, a cantante nada en Ourol (Lugo), vén de publicar o seu último álbum Cenizas. O seu estilo encádrase dentro do pop, pero coa súa voz tan característica e o seu ritmo particular que se nutre das raíces da nosa terra. E para rematar coa proposta musical, Dos de Copas, dúo formado por Noemi Blanco e Miriam Carbonell, artistas multidisciplinares, que amosarán o seu talento a guitarra e voz, versionando clásicos e interpretando temas propios.

 

 

E como o humor non podía faltar, en exclusiva e como anticipo, Sobria e Serena tamén coñecidas como Arantxa Treus e Jazmín Abuín, farán un avance do que será o seu espectáculo de humor que comezará a xirar por salas de toda España, o vindeiro febreiro de 2024.

A gala estará conducida polas comunicadoras e presentadoras Lucía Rodríguez e Tania Veiras. En palabras do organizador, David Rodríguez (presidente da Asociación Cultural Xuvenil As Canellas), “tras sete anos de gala, pensamos que era o momento de presentar un cartel composto integramente por mulleres, porque hoxe e sempre, é un bo momento para poñer en valor o seu talento e a súa solidariedade.”

 

Artigos relacionados

Back to top button