A tradición dos Maios toma un ano máis o centro da vila do Barco. Unha ancestral tradición coa que se rende culto á natureza coa elaboración de esculturas vexetais, os Maios, e tamén co canto de coplas, coa música e coa danza.
Ademais, dende hai uns anos, esta festa complétase cunha mostra de artesanía, aberta dende as 11:30h., que enche a praza do Príncipe barquense de diversos produtos tradicionais: dende doces e pan, pasando por licores e bicas, ata obxectos de coiro, xoguetes ou libros.
Nesta edición no Concurso de Maios participan un total de 7 (a maior parte da modalidade enxebre), tamén hai un arco floral, que estarán expostos ao longo deste 1 de maio nas proximidades da Igrexa de Santa Rita. No caso das coplas, que se interpretarán a partir das 13:30h., son 5 as que presentadas a concurso. Antes a agrupación Abelladeira de Ponferrada, despregaba a súa música e danza.
Un xurado escollerá aos ganadores desta edición, na que o público tamén pode votar ao seu Maio favorito a través do “Voto Aberto”, no posto do CCA na mesma praza.
Esta xornada festiva continuará pola tarde co espectáculo “Superheroe” de Fran Rei, dirixido a público familiar. Finalmente, ás 19h. procederase á entrega de premios do concurso. A Festa dos Maios será organizada polo Concello do Barco en colaboración co Centro Comercial Aberto (CCA).
Fotos: A.R.