DeportesÚltima hora

A Volta Ciclista a Galicia pasará polas comarcas de Trives e Valdeorras o 17 de setembro

A Estación de Montaña Manzaneda acollerá o inicio e remate da terceira etapa da ronda galega

 

A Estación de Montaña de Manzaneda acollerá o vindeiro sábado 17 de setembro a etapa raíña da 20ª edición da Volta Ciclista a Galicia, con principio e final no propio complexo de montaña e un percorrido de máis dun cento de quilómetros por nove concellos do oriente ourensán. “Unha etapa, a terceira desta nova ronda galega, que referenda a condición de Manzaneda como un dos símbolos do ciclismo tanto a nivel galego como nacional e internacional”, destacou o vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, durante a presentación dunha carreira que partirá o día 15 de Poio e rematará o 18 en Ponteareas, logo das etapas de Taboada e Manzaneda.

A cidade de Cultura en Santiago de Compostela acollía na mañá deste mércores 7 de setembro, o acto de presentación, no que tamén estiveron presentes o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; representantes dos concellos que acollen as saídas das tiradas; o xefe da unidade da Guardia Civil de Tráfico, José Ángel Corral; e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.

 

Pelotón dunha edición anterior da Volta a Galicia.

 

No acto, Rosendo Fernández, que dixo “non ter dúbidas sobre as diferenzas que marcará a etapa de Manzaneda polo esixente perfil do trazado”, puxo en valor a regular presenza nas estradas ourensáns de importantes probas ciclistas do calendario galego e nacional, como a propia Volta, La Vuelta a España ou a Ceratizit Challenge, “que hai agora un ano permitiunos demostrar a capacidade da estación de montaña para acoller durante tres días unha das carreiras femininas máis importantes do calendario mundial de ciclismo”. Desta volta, engadiu, “Ourense consolídase como unha indubidable referencia no mundo do ciclismo, ofrecendo espectaculares paraxes como Manzaneda ou a Ribeira Sacra e grazas a unha fluída relación coas federacións galega e nacional e o apoio ás escolas deportivas”.

A terceira etapa da 20ª Volta Ciclista a Galicia disputarase o día 17, con principio e final na estación de montaña de Manzaneda, a 1.484 metros de altitude e tras superar durante case 12 quilómetros un desnivel de preto do 7 %, trazado que converte a esta xornada na etapa raíña da carreira.

Ás 11:55 horas está prevista a saída neutralizada desde a estación, iniciándose a etapa real ás 12:30 horas. O trazado de competición ten unha distancia de 114,2 quilómetros que discorrerán por Trives, Larouco, Petín, A Rúa, Vilamartín, O Barco, A Veiga, O Bolo e Manzaneda- estando prevista a chegada de novo ao complexo de montaña en torno as 15:30 horas.

Artigos relacionados

Back to top button