Eleccións municipais 2023En portadaÚltima hora

A votación dos cabezas de lista das eleccións do 28M, en imaxes

 

Pouco despois de abrir as mesas electorais algúns dos cabezas de lista dos partidos que concorren a estas eleccións municipais acudían a depositar o seu voto nas urnas. Era o caso do cabeza de lista do PP por O Bolo, Antonio López, do candidato popular á alcaldía de Petín, Carlos Goñi, ou do número 1 do partido socialista en Manzaneda, Amable Fernández.

Ás 10h. emitía o seu voto o candidato socialista á alcaldía do Barco, Alfredo García, no local electoral de Vilanova. “Espero que a xente veña votar, para un cidadáns penso que as eleccións máis importantes son as municipais, son as que van decidir quen lle vai resolver os pequenos problemas e os grandes tamén, quen vai estar aí sempre que o necesite. Hai votar, é un dereito e penso que un deber tamén”, dicía García.

 

 

Unha hora despois votaba na Cerámica o candidato do PP á alcaldía do Barco, Manuel Núñez “Noli”, quen tamén convidaba a toda a veciñanza do Barco “a votar, que exerzan o seu dereito para que despois poidan dicir equivoqueime ou non, e ogallá que a participación sexa masiva”.

 

 

Ás once achegábase tamén a deixar a súa papeleta na urna a candidata á alcaldía ruesa polo BNG, María G. Albert, quen desexaba que a cidadanía acudise a votar.

Ademais nestas imaxes aparecen  os cabezas de lista do BNG no Bolo, Ramón Porto, e en Viana, Secundino Fernández; o candidato popular á alcaldía de Vilamartín, José Pinto; e os números 1 e 2 da lista Somos O Bolo, Miguel Ángel García e Mayra Martínez; e os candidatos socialistas ás alcaldías de Xinzo de Limia, Elvira Lama, e Ourense, Paco Rodríguez.

 

 

Este último candidato que “o día dunhas eleccións sempre é un día importante, de alegría e satisfacción Vivir nun país que nos permite expresar libremente as nosas decisións e con ese exercicio democrático intervir nos designios da túa cidade é importante, non pode esquecerse isto. E espero que sexa un día de gran participación”.

 

 

Pola súa banda, o cabeza de lista do BNG na cidade de Ourense, Luís Seara, votaba ás 12h. no IES Otero Pedrayo. Á saída facía un chamamento á veciñanza  para para “que aproveiten o
día pero que tamén vaian votar porque hoxe é un día transcendental para o futuro do Concello de Ourense“.

Segundo Seara, “no día de hoxe podemos abrir un tempo novo, unha fiestra á esperanza e á ilusión pois hoxe non soamente nos examinamos os candidatos e candidatas que nos presentamos senón que hoxe tamén se examina a sociedade de Ourense”.

Outro dos candidatos ourensáns que acudía a votar era Manuel Cabezas, do PP, quen apuntaba que nesta xornada trátase “de depositar co teu voto a vontade que teñas para a túa cidade. Animo a que a xente vote, canta máis mellor”.

 

 

Ás once e media tamén exercían o seu dereito ao voto na Rúa o número 1 do PP, Álvaro Fernández, e o candidato do R.U.A, José Vicente Solarat; e ás 12h. o candidato socialista, Luis Fernández.

 

 

“O meu desexo é que hoxe o pobo, decida o que decida, conforme unha corporación que permita facer que vivir na Rúa sexa cada día máis agradable, hoxe xógase o primeiro tempo do partido e o día 17 de xuño teremos novo alcalde ou nova alcaldesa, por iso, o meu desexo de acerto na decisión. Calquera resultado hai que aceptalo con fortaleza se nos toca perder e con orgullo se nos toca ganar”, comentaba o candidato do R.U.A., José Vicente Solarat.

 

 

Pola súa banda, o socialista Luis Fernández Gudiña aproveitaba a presenza dos medios para agradecerlle á veciñanza da Rúa a súa acollida cando fomos explicarlles de porta a porta o noso programa e convidalos a que se acheguen ao seu colexio electoral, sexa onde sexa, que participen deste día que podemos chamar festa da democracia, e que veñan a votar porque entre todos somos os que temos que tratar de sacar adiante un equipo que goberne nos próximos catro anos”.

 

 

Ás 12h. dirixíase tamén cara o seu colexio electoral, na Casa da Cultura, o candidato do BNG á alcaldía do Barco, Suso Vilasánchez. Despois, sinalaba ante os medios que está sendo “unha xornada electoral moi tranquila, en principio non hai complicacións en ningures, a xente está moi alegre e nós temos moi boas impresións e coa xente votando tranquilamente”, ao mesmo tempo, facía un chamamento á participación, “porque se un non vota e non decide, outro vai decidir por, entón esperamos que voten”.

 

 

Ademais pode verse votando aos candidatos socialistas á alcaldía de Petín, Raquel Bautista, e do Bolo, Alberto Vázquez, e á número 1 do BNG en Trives, Ruth Boyero, e ao do PP neste mesmo concello, Roberto González.

Así mesmo exercía o seu dereito ao voto na mesa de Valdegodos o candidato socialista á alcaldía de Vilamartín, Enrique Álvarez, quen tamén invitaba á veciñanza a facer o mesmo, “é o día grande da democracia, o día no que podemos dicir o que queremos para o noso concello. En todas as mesas está indo todo tranquilo e non está habendo ningunha incidencia”.

Tamén pode verse aos candidatos socialistas de Verín, Gerardo Seoane, e de Rubiá, Raquel Méndez.

Ao longo da xornada esta galería irase ampliando a medida que se vaian realizando as votacións do resto de candidatos.

Artigos relacionados

Back to top button