EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

A web comproenviana.com, unha oportunidade para pór en valor o comercio e a industria local

A esta iniciativa, promovida dende o Concello de Viana do Bolo, poderán adherir de forma gratuíta todos as empresas e negocios que teñan establecemento ou desenvolvan a súa actividade comercial neste municipio

A vianesa Cristina Fernández, unha das creadoras da web, xunto ao alcalde de Viana, Secundino Fernández./ Foto cedida.

 

Pretende ser un revulsivo para o tecido socioeconómico da zona apostando polas oportunidades do comercio online. O Concello de Viana do Bolo vén de lanzar o portal comproenviana.com. “Pretende ser unha ferramenta máis a disposición do sector comercial e industrial de Viana do Bolo para que sirva de escaparate dos seus produtos, dos servizos, en definitiva para mostrar todo o que pode ofrecer Viana do Bolo. E todo elo de xeito gratuíto”, sinala o alcalde vianés, Secundino Fernández.

“Queremos”, engade o rexedor, “que esta web sirva de referencia aos consumidores tanto de Viana do Bolo e a súa comarca, como os visitantes ou como non, facelo universal a traveso da rede. Dende o concello pretendemos por o noso gran de area para revitalizar a economía de Viana do Bolo, despois do desastroso impacto económico da pandemia do coronavirus. Animamos a todos os sectores económicos a participación para facer unha ferramenta útil para os seus establecemento e actividades e que poda servirlles para mellorar o coñecemento e as vendas dos seus respectivos negocios”. E destaca que esta web terá custe cero para os negocios.

Para poder estar presente na páxina, os negocios interesados deberán dirixirse ao correo electrónico directoriovianadobolo@gmail.com e mostrar a disposición de participar e tamén no numero de teléfono 616378145. “Esperamos que no prazo dun mes podamos pola web en funcionamento”, adianta Secundino Fernández, “agora más que nunca tense que apoiar o comercio local. A páxina web será un escaparate da oferta comercial de Viana, polo que se converterá nun elemento de comunicación moi importante. As ferramentas informáticas son un instrumento útil na xestión e difusión de información”.

A creación da web é unha proposta de Cristina Fernandez e Jason Heaver, asumida polo Concello de Viana do Bolo. “Cristina é natural de Viana, os dous residen en Viana e son, polo tanto, grandes coñecedoras do noso concello”, matiza o alcalde vianés.

A web incorporará: un  directorio de industrias, comercios, restaurantes e outros servizos de interese para o consumidor, horarios de apertura dos comercios, links a páxinas web e redes sociais, produto, noticias que poidan estar asociadas como inauguracións, renovacións, aperturas en horarios no habituais, concursos, etc.; de modo que facilite información frecuente sobre o comercio de Viana.

“Tamén queremos que sexa dinámica, polo que todos os contidos, así como o directorio de empresas irase actualizando segundo as demandas das propias empresas. A partires deste momento convidamos as empresas e a toda actividade comercial a participar a involucrarse para que esta ferramenta se poda por en funcionamento canto antes e sirva de elemento dinamizador dos nosos sectores económicos”, conclúe Secundino Fernández.

Artigos relacionados

Back to top button