SanidadeÚltima hora

A xerencia da área sanitaria ourensá asegura que o Distrito da Valdeorras cubrirá 30 prazas de especialistas por concurso

Deste xeito, indica, dase resposta á necesidade de cubrir as prazas vacantes que periodicamente quedan desertas nas oposicións, convocatorias, chamamentos ou concursos de traslados

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras./ Foto: A.R.

 

En resposta ás declaracións realizadas polos sindicatos CIG e UGT ao respecto da situación de falta de especialistas no Hospital Público de Valdeorras, dende a xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco vén de emitirse unha nota de prensa lembrando que o “pasado mes de xuño pechábase o prazo de solicitude para participar na convocatoria de prazas de difícil cobertura mediante concurso de méritos, sen exame, que oferta 30 prazas de persoal especialista con carácter fixo no Distrito Sanitario de Valdeorras: 21 en diferentes especialidades no Hospital Público e 9 adscritas aos centros de saúde A Pobra de Trives, O Barco e Carballeda de Valdeorras, A Rúa e Viana do Bolo”.

Por especialidades, as 21 prazas convocadas para ser cubertas con carácter definitivo no Hospital Público de Valdeorras son: 2 cirurxía xeral e do aparello dixestivo, 2 de medicina interna, 2 de medicina de urxencias, 2 de xinecoloxía e obstetricia, 2 de farmacia hospitalaria, 2 de hematoloxía e hemoterapia; 1 de pediatría e áreas específicas, 1 de oftalmoloxía, 1 otorrinolaringoloxía, 1 de endocrinoloxía e nutrición, 1 de radiodiagnóstico, 1 de dermatoloxía médico-cirúrxica e veneroloxía, 1 de microbioloxía e 1 de medicina de hospitalización a domicilio (HADO), e ademais, unha praza, de nova creación, de enfermeira especialista en saúde mental.

En Atención Primaria están convocadas 9 prazas para médicos de atención primaria: 2 no Centro de Saúde de A Pobra de Trives, 2 no de A Rúa, unha no de Carballeda de Valdeorras, unha no de Viana do Bolo e 3 no Servizo de Atención Primaria de O Barco, delas dous de especialista de medicina familiar e comunitaria e outra de pediatra.

“Esta iniciativa segue o innovador modelo aplicado pola Xunta de Galicia o pasado ano 2022, para facilitar a cobertura de prazas de persoal médico, en centros de saúde con dificultades para completar os seus cadros e fixar persoal, o que permite contar na actualidade con 21 médicos de atención primaria con praza en propiedade, en distintos centros de saúde da provincia de Ourense, 3 deles no de O Barco de Valdeorras”, aseguran dende a área sanitaria ourensá.

Resposta ás dificultades de contratación de especialistas

Na convocatoria, que pechou o seu prazo de solicitude, o pasado 16 de xuño, e está previsto se resolva despois do verán, conxuntamente co concurso de traslados, ofertáronse 400 prazas en toda Galicia, ao abeiro da Lei 2/2022, de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, “coa que se da resposta á necesidade de cubrir aquelas prazas vacantes que periodicamente quedaban desertas, nas ofertas públicas de emprego, convocatorias específicas, chamamentos ou concursos de traslados, como é o caso das ofertadas para o Distritos Sanitarios de Valdeorras e Verín”, indican dende a área sanitaria.

A devandita lei, pioneira no marco do Sistema Nacional de Saúde, foi aprobada en outubro no Parlamento de Galicia, e permite a selección mediante a presentación e baremación de méritos, como servizos prestados, formación, docencia, etc.. sen necesidade de realizar un exame sobre as materias de cada especialidade ou idioma, para acceder a unha praza en propiedade.

Ata o momento esta nova vía de acceso, a un emprego público en propiedade, aplicouse a categorías con dificultades de contratación, como facultativo especialista de atención primaria, pediatría de atención primaria, especialidades médicas nos hospitais comarcais ou ás prazas sanitarias vinculadas ao Plan de Saúde Mental de Galicia.

87 prazas na Área Sanitaria de Ourense

A nivel provincial, nesta convocatoria en curso de resolución ofertáronse 87 prazas de persoal especialista na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras (o 22%). Delas, 28 nas categorías de facultativo especialista de atención primaria e pediatría de atención primaria, asignadas a vinte centros de saúde da provincia; 39 de especialidades médicas, cirúrxicas e de farmacia hospitalaria nos hospitais públicos de Verín e Valdeorras; e outras 20 prazas vacantes, vinculadas ao Plan de Saúde Mental de Galicia, de persoal de psiquiatría, psicoloxía clínica e enfermería especialista de saúde mental, nos tres centros hospitalarios de Ourense.

En Atención Primaria ofértanse 23 prazas de persoal médico: 3 no Centro de Saúde de O Carballiño, 2 en Pobra de Trives, 2 A Rúa, 2 no Barco de Valdeorras, e unha en por centro en Coles, Xinzo de Limia, Punxín, Calvos de Randín, Nogueira de Ramuín, Carballeda de Valdeorras, Lobeira, Lobios, Irixo, Verín, Cualedro, Viana do Bolo, A Gudiña e A Mezquita.

Atención Primaria igualmente sumará 5 novos especialistas de pediatría en propiedade, dous con praza no Centro de Saúde de Verín e os tres restantes nos centros de Maceda, O Barco de Valdeorras e Ourense, no Centro de Saúde de A Ponte.

No Hospital de Verín están ofertadas 20 prazas de persoal especialista, 19 delas de persoal facultativo: 4 de cirurxía ortopédica e traumatoloxía, 2 de cirurxía xeral e do aparello dixestivo, 3 de medicina interna, 3 de medicina de urxencias, 2 de pediatría, e un de análises clínicas, oftalmoloxía, reumatoloxía e endocrinoloxía; ademais de unha enfermeira especialista en saúde mental, vinculada ao Plan de Saúde Mental.

En conxunto no marco do Plan de Saúde Mental ofertáronse 20 prazas. Unha de especialista en psiquiatría e catro de psicólogo clínico, no Hospital Universitario de Ourense, e quince de enfermeiras especialistas en saúde mental, unha en cada hospital público de Verín e Valdeorras e o resto no de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button