En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A XIII Ruta dos Fornos de Celavente (O Bolo) bate un novo récord reunindo a 850 persoas

 

Logo de tres anos sen celebrarse por mor da pandemia a xente tiña ganas de reencontrarse coa paisaxe, coa gastronomía e coa festa. E así o demostraban as 850 personas que na xornada deste sábado 29 de abril asistían á Ruta dos Fornos de Celavente (O Bolo), facendo desta decimoterceira a edición máis numerosa da súa historia, nun soleado e caluroso día malia a previsión de posible chuvia que obrigaba á organización a instalar carpas.

E todo, mantendo o mesmo formato das últimas edicións: un percorrido duns 4,6 quilómetros con paradas para comer nos seis fornos comunais recuperados hai unha década así como na adega.

 

 

A cita comezaba coma sempre coas oportunas explicacións por parte da organización, a Asociación Centro de Animación Rural Celavente, e o pregón a cargo do veciño Juan Corzo que lia e cantaba versos e coplas sobre a vila escritos por el. A partir de aí, co acompañamento musical da charanga Achicoria e dos cantos de taberna Abertal, arrancaba a ruta ata o primeiro dos fornos, tras un pronunciado camiño: o do Viduedo con chourizo asado e viño ou auga. A seguinte parada, tamén na parte alta do pobo era no Forno dos Ortos con empanada e de novo, viño e auga.

A partires de aí comezaba a baixada atravesando soutos e estradas ata chegar á parte baixa da vila. A terceira parada foi o Forno de Outeiro con orella, morro e xamón cocidos (pan e bebida), e de aí houbo que coller un pequeno desvío para chegar ata a Adega da Capilla para degustar o doce de castañas. Baixando uns metros máis estaba o Forno do Fondo con xamón asado. O percorrido complétase co Forno do Campo no que servían torta de roxóns e licores, e o Forno do Cima con roscón e máis licores.

 

 

No desnvolvemento da festa que durará ata as 23 horas con música na praza, traballan unha trintena de veciños do pobo así como voluntarios de Protección Civil do Bolo, de Viana do Bolo e da Pobra de Trives.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.
Máis fotos no seguinte enlace: https://osil.info/a-multitudinaria-ruta-dos-fornos-de-celavente-en-imaxes/

 

Artigos relacionados

Back to top button