SanidadeÚltima hora

A Xunta abre a autocita de vacinación para mozos de 16 a 19 anos

 

A Xunta vén de abrir oficialmente o sistema de autocita para vacinarse destinado a xoves de entre 16 e 19 anos. Así o confirmaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, tras explicar que xa na tarde de onte, mércores 21, “sen aviso previo, abriuse a posibilidade da autocita para este grupo de idade” e que “en cuestión de horas cubríronse as 6.000 primeiras prazas”. Por iso, Feijóo adiantou que mañá venres, 23 de xullo, poderase realizar a solicitude de cita para outras 11.000 vacinas, que será dispensada na primeira semana de agosto.

Núñez Feijóo xustificou a decisión explicando que se trata “do grupo de idade que presenta os peores datos de incidencia de contaxios, con máis de 1.300 casos por cen mil habitantes”. Dixo, non obstante, que “o criterio do Sergas é seguir priorizando os grupos de idade, como se veu realizando, e continuar ese proceso nos menores de 29 que xa comezaron a ser citados para vacinarse”.

O presidente tamén aclarou que o sistema de autocita está aberto para aqueles que non puideron ser inmunizados cando lles tocaba, entre eles os do último grupo de 30 a 39 anos que aínda están sendo obxecto da campaña de vacinación.

Artigos relacionados

Back to top button