ConcellosÚltima hora

A Xunta activa a alerta laranxa mañá por neve en zonas de montaña de Ourense, nas que se suspende o transporte escolar

Suspéndese o transporte escolar toda a xornada de mañá nas montañas de Lugo e Ourense e, na tarde do martes, nas zonas do noroeste de Ourense, sur de Ourense e Valdeorras

Fonte: 112 Galicia.

 

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar para mañá alerta laranxa por nevaradas nas zonas de montaña das provincias de Ourense e Lugo. Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por nevaradas comezará mañá a primeira hora da mañá nas áreas de montaña de Lugo e Ourense por acumulacións de neve en 24 horas de 20 centímetros por riba dos 800 metros de altitude e de ata 5 centímetros en altitudes entre os 300 e os 500 metros. Ademais, no interior da Coruña; na Mariña lucense e no centro e sur de Lugo; nas zonas do noroeste, sur e Valdeorras e no interior da provincia de Pontevedra estará activo o nivel de aviso amarelo debido a acumulacións de neve que poden superar os 4 centímetros entre os 300 e os 500 metros de altitude.

Ante as nevaradas, recomendase evitar as viaxes en automóbil sempre que non sexan necesarias e levar sempre o depósito cheo. Tamén se recomenda usar a roupa e calzado axeitado, evitar que persoas maiores saian á rúa e ter a man lanternas e cadeas.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Transporte escolar

Pola súa banda, a Comisión Escolar de Alertas acordou a suspensión do transporte escolar durante toda a xornada de mañá martes 17 dos centros educativos situados nos concellos das zonas de predición das montañas de Lugo e Ourense.

Ademais, ese mesmo día, queda suspendido o servizo en horario de tarde nos centros das zonas do interior da Coruña, interior de Pontevedra, centro de Lugo, sur de Lugo, noroeste de Ourense, sur de Ourense e Valdeorras. Nestas últimas localidades, farase seguimento das condicións climáticas ao longo da mañá, por se houbera que tomar decisións adicionais.

En canto ás actividades, quedan suspendidas as que se realicen no exterior nos centros educativos situados nas zonas da Mariña Lucense e o noroeste de A Coruña ata as 12h do martes 17.

Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado, os directores poderán adoptar as decisións oportunas respecto das actividades no exterior do centro educativo ou sobre as actividades extraescolares. Adicionalmente extremaranse as condicións de circulación do transporte con seguimento das condicións climáticas. A listaxe de concellos incluídos en cada zona climática pode consultarse na páxina web de Meteogalicia.

Artigos relacionados

Back to top button