EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Xunta avalía os danos causados pola pedra na D.O. Ribeiro

O conselleiro do Medio Rural visitou esta tarde varias zonas afectadas polo episodio meteorolóxico adverso nesta denominación de orixe vitivinícola

 

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta tarde ata a comarca do Ribeiro para coñecer sobre o terreo as zonas afectadas polas treboadas de pedrazo rexistradas nos últimos días nesta denominación de orixe vitivinícola.

Na visita, José González trasladou que, segundo as primeiras estimacións, as zonas máis afectadas pola sarabia están nos concellos de Leiro (en Gomariz), Cenlle (en Riobó) e Boborás (en Pazos de Arenteiro) e sinalou que se están a avaliar os danos rexistrados nas vides por parte de técnicos da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) e da Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Ribadavia.

Estes profesionais asesoran os viticultores e as adegas afectadas para facer fronte a esta incidencia, orientando os produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos coa maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellables, co obxecto de minimizar as perdas.
Sobre a afectación, o conselleiro explicou que, segundo os primeiros cálculos, a sarabia caeu sobre unha superficie aproximada de 190 hectáreas de viñas, das cales nunhas 130 os danos foron mínimos, “dentro do 10 ou 15% da colleita”. En todo caso, engadiu que “hai unhas zonas (unhas 60 hectáreas) que si teñen unha afectación maior”. Puntualizou que os efectos foron máis ben “localizados no territorio”.

 

 

Medidas preventivas

Nesta liña, o conselleiro indicou que, seguindo as recomendacións técnicas, pódense adoptar medidas preventivas coa aplicación de bioprotectores ecolóxicos sen prazo de seguridade ou de baixo prazo, para previr e frear no posible a evolución dos danos nos acios e sen que afecte á hixiene da colleita. O obxectivo, engadiu, é minimizar a incidencia de doenzas nos acios, a causa deste episodio adverso.

“A recomendación que estamos trasladando -dixo González- é que, no caso de facer a vendima rápido, probablemente xa non dea tempo a realizar tratamentos, e en todo caso haberá que aplicar ese tipo de tratamentos ecolóxicos ou con prazo curto de carencia”. Incidiu en que “temos unha vendima extraordinaria no Ribeiro, en calidade e en cantidade e agardo que a partir de agora o tempo nos acompañe”.

O conselleiro referiuse tamén aos seguros agrarios e anunciou que hai previstas varias reunións con diferentes entidades aseguradoras e cos consellos reguladores para buscar mecanismos que permitan a posibilidade de ter asegurada a totalidade da denominación de orixe, “traballando de forma colectiva e conxunta”.

Artigos relacionados

Back to top button