ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

A Xunta comprométese co Concello de San Xoán de Río para iniciar a humanización da súa vía principal

A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez asumirá o 70% da obra e o resto correrá por conta do Concello

Reunión do alcalde de San Xoán de Ría coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

 

A Xunta de Galicia comprométese co Concello de San Xoán de Río para iniciar a humanización da súa vía principal, a estrada OU-0705, entre a contorna da praza Pedro Fernández e a da igrexa parroquial. Así o aseguraba a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, na reunión mantida esta semana co alcalde, Xosé Miguel Pérez, que presentou os detalles deste proxecto de interese municipal.

A conselleira, pola súa banda, trasladoulle a colaboración da Dirección Xeral de Urbanismo para levar a cabo xa a cargo dos orzamentos de 2022 unha primeira fase. Recordou que para este ano se reservaron 7 millóns de euros para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

Indicoulle que este departamento analizará esta iniciativa, que ten por obxectivo global mellorar o aspecto desta vía principal do municipio, para determinar os termos e posibilidades de colaboración, que quedarán recollidos nun convenio.

Nese sentido, indicoulle que os proxectos como o que se plantexa para San Xoán de Río son asumidos pola Consellería nun 70% do custo das obras e a porcentaxe restante pola Administración local.

Outro dos temas polos que se interesou o alcalde foi o Fondo de Cooperación, unha liña coa que os concellos acceden a préstamos sen xuros para levar a cabo actuacións en inmobles municipais, co fin de habilitar novos espazos para o uso da veciñanza, como a adquisición ou rehabilitación de edificios para habilitar vivenda ou de usos múltiples. A conselleira invitou ao rexedor a participar deste fondo, que está dotado de 20 millóns de euros, para emprender unha actuación de interese para o Concello e, deste xeito, sumarse aos 25 concellos que xa apostaron por esta medida que permitiu poñer en marcha 48 actuacións.

Artigos relacionados

Back to top button