A Xunta de Goberno municipal de Quiroga aprobaba o pasado venres unha moción presentada polo grupo popular contra a orde ministerial de inclusión do lobo no listado de especies silvestres en réxime de protección especial (LESPRE).
Os populares consideran que esta inclusión “vén a supoñer na práctica que, a partires de agora, o lobo deixe de ter a consideración de especie cinexética, polo que o seu control queda prohibido. Esta inclusión determina ademais que o Plan de xestión do lobo de Galicia, deixa de estar en vigor, así como as axudas de prevención e danos que estaban contempladas no mesmo”.
A moción que será presentada para o seu debate na vindeira sesión plenaria quere acadar o apoio do pleno para “instar á Xunta de Galicia a interpoñer os recursos correspondentes ante os Tribunais, aos efectos de que se anule a Orde Ministerial pola que se inclúe ao lobo no Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial”.
Ademais, a iniciativa pide “instar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a que habilite axudas para subvencionar aos gandeiros a adopción das medidas de prevención establecidas no Catálogo aprobado por este Ministerio e o Ministerio de Agricultura para que habilite axudas para paliar os danos que causen os lobos”.