A Xunta de Persoal do Distrito Sanitario do Barco de Valdeorras vén de manifestar o seu malestar pola “situación laboral na que se encontra o persoal de enfermaría que realiza os traslados interhospitalarios”. A través dun comunicado consideran “un risco, tanto para o persoal como para os pacientes, a situación de estrés á que se encontra sometido este equipo de enfermaría pola obriga de realizar un número de horas de traballo que sobresae o límite permitido”.
Así mesmo a Xunta de Persoal asegura que “a xornada á que se ven obrigados a adaptarse estes profesionais é ilegal”. Tamén indican que xa se informou desta situación “á Dirección xerencia e á Direccións de Enfermaría e de Distrito en múltiples ocasións”.
A Xunta de Persoal insiste en pedir “a adecuación do cadro de persoal deste servizo coa contratación dun mínimo de 3 enfermeiras máis” e sinala que non descarta “tomar cantas medidas crea necesarias para acadar a eficacia clínica, e o respecto aos dereitos dos pacientes e profesionais”.
Dende a Consellería de Sanidade sinalan que no pasado mes de outubro “as enfermeiras que facían traslados de maneira voluntaria, e remunerada” no hospital valdeorrés “negáronse a seguir facéndoo. Por iso o hospital contratou a tres enfermeiras máis con esta única función. Libran mensualmente entre 11 e 13 días”.