
A Xunta declara ben de interese cultural o xogo dos birlos, máis coñecido como bolos celtas, na categoría de patrimonio inmaterial, en recoñecemento “ao seu papel como un dos xogos populares e tradicionais máis importantes da historia de Galicia”. Así se acordaba no Consello do Goberno galego celebrado na mañá deste luns 13 de abril, onde lle daba o visto e prace ao decreto, que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia.
O expediente recoñece esta práctica pola súa “capacidade para favorecer valores identitarios, fomentado a adhesión ao propio, impulsando a sociabilidade e a integración social, e polo seu compoñente para impulsar a inclusión, a través do desenvolvemento de habilidades como a memoria, o razoamento lóxico, o compañeirismo e a cooperación”. Ademais, trátase dun entretemento accesible economicamente a todas as persoas e propulsor dos valores do deporte e o compañeirismo.
Así, os técnicos recollen no decreto que o pasatempo, espallado por toda a xeografía galega con diferentes graos de actividade, “consiste en lanzar ou facer rodar unha bóla contra unha serie de bolos co obxectivo de derrubalos e desprazalos o máis lonxe posible, conxugando a plasticidade no tiro coa forza, potencia e coordinación”. Neste senso, o expediente salienta tamén que esta práctica tradicional se transmitiu de
xeración en xeración oralmente e polo exercicio mesmo do xogo.

Con todo, aseguran que o proceso de custodia e a transmisión “atópase na actualidade nun punto crítico, pois a súa práctica e as persoas que gardan o saber están diminuíndo, co risco conseguinte de se perderen as formas propias de cada zona”. Neste senso, a denominación do xogo dos bolos de Galicia ou bolos celtas comprende unha gran variedade de modalidades de pasabolo, entre as que destacan Bolos do Val Miñor, Bolos da Comarca de Viana do Bolo, Bolos de Xove, Bolos O Canteiro, Bolos en Liña, Bolos do Barbanza e Bolos A Cova.
Cómpre sinalar o soporte cidadán a través de numerosos documentos de apoio á declaración, que elevará a 797 o número de bens de interese cultural existentes en Galicia. Así, permite culminar un proceso iniciado en outubro de 2024 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e que se resolve agora, antes de que se cumpra o prazo máximo de 24 meses establecido na Lei de patrimonio cultural.