DeportesÚltima hora

A Xunta defende eliminar as franxas horarias e as limitacións ao municipio na práctica deportiva

A Admistración galega elevará ao Goberno central unha consulta neste sentido para que faga “unha aclaración moi necesaria” neste asunto

 

Dende a Xunta de Galicia deféndese que se “eliminen as franxas horarias e a limitación de non poder saír do municipio na práctica deportiva. Xa na fase 1, deben levantarse estas limitacións que non están vixentes para outras actividades de tipo social, de restauración ou de turismo”.

Este tema abordábase na novena reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), que acordou elevar ao Goberno central un consulta neste sentido para que faga “unha aclaración moi necesaria” neste asunto. A reunión estivo presidida polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e contou con representación da Delegación de Goberno e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Actualmente, existen distintas prácticas permitidas sen franxas horarias e que tampouco están limitadas ao límites do municipio, xa que se permite a mobilidade dentro da provincia.Nese senso, a Xunta entende que “debe haber un trato igual para a práctica deportiva tendo en conta, ademais, que os horarios restrinxen significativamente a algunhas modalidades deportivas -como o surf ou o ciclismo- e provocan, á súa vez, aglomeracións ás horas nas que si se poden practicar”.

Segundo Rueda, “se a día de hoxe a vida social xa está máis ampliada, se se pode desprazar calquera persoa por toda a provincia e está permitido o desprazamento á segunda residencia, o que non ten sentido é que se siga obrigando aos milleiros de persoas que fan deporte todos os días a que o fagan nunhas horas concretas do día e que se teñan que circunscribir ao seu termo municipal”.

Foto: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button