ConcellosÚltima hora

A Xunta destinará 212.293 euros á posta en valor do Camiño de Inverno ao seu paso por Quiroga

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, xunto a un dos fitos do Camiño de Inverno en Quiroga./ Foto cedida.

 

A Consellería de Cultura ten previsto investir 212.293,27 € na posta en valor do Camiño de Inverno ao seu paso polo Concello de Quiroga. Así llo confirmaba o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez ao alcalde quirogués, Julio Álvarez, nunha xuntanza que mantiña cos representantes dos 14 concellos polos que pasa este Camiño, tal e como informa o Concello de Quiroga.

Con este investimento realizaranse melloras na sinalización, unificando todos os tipos de sinais e de rehabilitación naqueles tramos que o precisen. O maior investimento será no apartado de rehabilitación no que se levarán a cabo desbroces e limpezas, colocación de pavimento naquelas zonas que o precisen, a base de saburra (zahorra) ou de pedras e faranse gabias e pasos de auga.

En canto á mellora da sinalización, colocaranse sinais consistentes en cunchas en paredes naquelas interseccións nas que haxa edificacións, fitos de pedra como os existentes nos que se sinala o punto quilométrico, nos lugares declarados BIC colocarase un sinal especial (peza de bronce), nas zonas urbanas poranse sinais verticais e un panel informativo na entrada do concello (na zona de San Martiño).

Na mañá deste luns 2 de marzo o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, achegábase xunto cun enxeñeiro municipal, a percorrer parte do trazado desta ruta xacobea dentro do municipio quirogués para comprobar a situación do trazado e como quedaría este proxecto da Xunta de Galicia, que nestes momentos se atopa no período de alegacións.

Tras a visita o rexedor local amosouse moi satisfeito e valorou moi positivamente estes investimento que vai levar a cabo a Consellería de Cultura no trazado quirogués, o maior de todos, xa que son 36 km dos 185 km que ten o Camiño de Inverno.

Artigos relacionados

Back to top button