Na tarde deste venres 8 de abril o Instituto de Estudos Valdeorreses renovaba a súa xunta directiva por dous anos máis. “Seguimos os mesmos coa incorporación da vicesecretaria, Sherezane Núñez Rodríguez”, explica o presidente, Aurelio Blanco Trincado. Completan a directiva Miguel Garrido como vicepresidente, José Antonio Blanco como secretario, Juan Grande como tesoureiro, e Roberto Iglesias, Miguel Ángel Estévez, José Fernández e María Teresa Franco como vogais.
Nas asembleas, tanto a ordinaria como a extraordinaria celebradas hoxe na Casa Grande de Viloira, o IEV tamén aprobaba as contas de 2021 e o orzamento deste 2022; a memoria de actividades do ano pasado; e a incorporación do Instituto á futura Fundación Florencio Delgado Gurriarán, entre outros temas. “Quedou aprobada a autorización para poder incorporarse”, di o presidente, puntualizando que como presidente conta tamén coa aprobación para poder outorgar os documentos que se requiran.