ConcellosÚltima horaViana do Bolo

A Xunta estudará a creación dun novo centro de día en Viana

Así llo confirmaba ao alcalde vianés o presidente galego, quen tamén anunciaba o seu apoio á rehabilitación da praza de abastos

 

A rehabilitación da praza de abastos de Viana do Bolo era un dos proxectos que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo abordaba na reunión que mantiña co rexedor vianés, Abelardo Carballo, que acodía ao encontro acompañado polo concelleiro Andrés Montesinos. Ademais, o titultar do goberno galego confirmaba a implicación da Administración autonómica nesa actuación para que, entre outras medidas, se facilite con estas obras a accesibilidade entre os dous andares desta instalación cun ascensor e escaleiras mecánicas.

No encontro tamén se abordaron polo miúdo outras cuestións de importancia para a veciñanza do municipio, como a construción dun novo centro de día, dunha casa do maior ou a rehabilitación do campo da feira. En todas estas actuacións, o titular do Executivo galego transmitiulle o compromiso de Goberno autonómico de estudalas.

En concreto, Feijóo trasladoulle ao rexedor de Viana do Bolo a posibilidade de colaborar, se o Concello o solicita, na construción do novo centro de día mediante o financiamento da obra a través dos fondos europeos. Aínda que a ese respecto, lembroulle que neste intre se está pendente dun novo informe técnico por parte de Inspección.

Por outra banda e dado que este concello carece de planeamento xeral, ambos abordaron a próxima redacción do Plan básico municipal, que se asinará a principios de 2022 cun custo estimado de 130.000 euros.

Finalmente, en materia de infraestruturas, Feijóo informoulle ao alcalde da previsión de licitar a execución das obras de reforzo do firme na OU-553 no primeiro trimestre de 2022 para a súa execución nese mesmo ano se hai dispoñibilidade orzamentaria.

Artigos relacionados

Back to top button