SanidadeÚltima hora

A Xunta informa dun foco de positividade do SARS-CoV-2 nunha granxa galega de visóns americanos

Vén de comunicarllo hoxe ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Trátase dunha granxa situada no concello coruñés da Baña

 

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar hoxe ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a existencia dun foco de positividade do SARS-CoV-2 nunha granxa de visóns americanos situada en Galicia, no concello coruñés da Baña.

“En aplicación dos vixentes protocolos de vixilancia desta enfermidade nas granxas de visón americano en España, tras as análises laboratoriais realizadas confirmouse a existencia de circulación viral SARS-CoV-2 nesta granxa. A explotación permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control oficial polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural”, tal e como indica a adminsitración galega.

A detección deste foco prodúcese no marco dos controis de vixilancia que se veñen realizando ao abeiro do “Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visón americanos en España”, elaborado polos ministerios de Agricultura e de Sanidade, e no que colaborou activamente Galicia. En aplicación deste programa, os Servizos Veterinarios Oficiais da Xunta viñeron realizando, ademais de controis sanitarios, diferentes visitas a todas as explotacións de visóns da nosa comunidade, co fin de comprobar as condicións de bioseguridade das granxas.

“Nos vindeiros días, en aplicación da normativa legal vixente e co fin último de preservar a saúde pública, levarase a cabo o sacrificio de todos os animais da explotación, que conta con 3.100 animais en total (2.500 femias e 600 machos), así como as medidas de desinfección e control do brote”, indica Medio Rural.

Na actualidade hai un total de 25 granxas activas de visóns cun censo de 69.186 reprodutoras en Galicia, segundo os datos da Xunta. “Dende as primeiras informacións recibidas procedentes dos Países Baixos en relación con explotacións de visóns infectadas co SARS-CoV-2, a Xunta mantivo un contacto permanente co sector peleteiro galego e trasladou, nominalmente, a todas as explotacións activas a información actualizada da situación, tanto en Europa como en España, a través de varias comunicacións”, segundo a administración galega.

Nestas comunicacións incidíase no incremento das medidas de bioseguridade nas explotacións e fundamentalmente no relativo a evitar a transmisión do virus a través de persoas infectadas, dado que é esta a principal vía documentada de contaxio para estas granxas. O Goberno galego adianta que “continuará actuando nesta materia consonte aos devanditos protocolos de prevención, vixilancia e control, sempre coa máxima transparencia e co obxectivo último de preservar a saúde da cidadanía. Este foco notificarase oficialmente por parte do MAPA á Organización Mundial de Sanidade Animal (OIE) e á Comisión Europea, tratándose do segundo caso de infección por SARS-CoV-2 en visón americano en España, tras o detectado no pasado mes de xuño nunha granxa da provincia de Teruel”.

Artigos relacionados

Back to top button