ConcellosÚltima hora

A Xunta reactiva dende hoxe as comunicacións para facer queimas agrícolas de particulares

 

A Xunta reactiva desde hoxe mesmo as notificacións para levar a cabo queimas agrícolas por parte de particulares na nosa comunidade, tanto dende a web habilitada como a través do teléfono 012.

A maiores, os particulares que dispoñan dun permiso vixente antes da prohibición do pasado 21 de marzo, poderán realizar as queimas desde hoxe mesmo. Os que soliciten un novo permiso hoxe, tendo en conta que a comunicación debe efectuarse sempre con dous días de antelación segundo a normativa, poderán levar a cabo a queima a partir deste xoves, 28 de marzo.

En concreto, no portal da internet destinado a comunicar as queimas de restos agrícolas amoreados os cidadáns deberán confirmar que se trata dunha “queima correspondente a palla e/ou material natural, agrícola, non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e/ou gandeiras”.

Mentres, aos interesados que chamen ao 012 para comunicar a queima preguntaráselles tamén ao respecto, para que confirmen se se trata do tipo de material e circunstancias indicadas e poder continuar co proceso de comunicación.

A maiores, tamén se retoman desde hoxe as solicitudes de autorización para efectuar queimas de restos forestais amoreados. Neste caso, como vén sendo habitual, cómpre contar con autorización administrativa dado o maior risco da actuación.

Cabe engadir que as comunicacións e autorizacións de queimas a través da web da Consellería do Medio Rural son posibles de acordo co establecido no artigo 34 da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Ademais, en días laborables, tamén está a disposición dos cidadáns o teléfono 012 para comunicar as queimas. Tanto as comunicacións como as autorizacións deixarán de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.

Artigos relacionados

Back to top button