EconomíaEconomíaÚltima hora

A Xunta tomará mostras nos soutos para ver a efectividade da loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro

A principal finalidade desta mostraxe, segundo Medio Rural, é coñecer a presenza e as taxas de parasitismo do Torymus sinensis que combate á citada praga, tras as soltas do mesmo realizadas ata agora

Castiñeiro afectado pola praga da avespiña./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Co fin de coñecer o grao de parasitación do Torymus sinensis, individuo que combate a doenza da avespiña do castiñeiro (Dryocosmus Kuryphilus), a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, comeza coa recollida de bugallas, tanto de xema como de folla, para coñecer o seu grao de parasitación.

Coa chegada do outono, tómase en campo unha mostra de bugallas coa finalidade “de comprobar os resultados da parasitación, logo das soltas realizadas nos meses de primavera. Este proceso consiste en seleccionar unha serie de puntos onde se realizaron ditas soltas do parasito e que se localizan grazas ás coordenadas GPS que se tomaron no momento da liberación do Torymus sinensis“, segundo adianta Medio Rural.

En total a consellería prevé coller bugallas en 1.200 puntos de mostraxe. En cada punto colleranse un mínimo de 10 bugallas, para un total de 12.000 bugallas. A elección do lugar de recollida dentro da árbore é aleatoria co fin de dispor dunha mostraxe non sesgada. “Porén, unha pequena porcentaxe de dita selección é dirixida e, nestes casos, recolleranse as bugallas das partes altas da copa do castiñeiro e en zonas máis próximas ao tronco”, matiza Medio Rural.

Con esta actuación búscase coñecer a presenza e as taxas de parasitismo das soltas realizadas durante estes últimos anos, “pero tamén recoller outro tipo de información valiosa para a loita da avespiña do castiñeiro, doenza que impide a frutificación”, indica Medio Rural.

Esta información é pública e pódese consultar no boletín de avisos de sanidade forestal da Oficina Virtual da Consellería do Medio Rural na seguinte ligazón: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/servizos/publicacions-electronicas-periodicas

As soltas realizadas este ano chegaron ao 1,6 millóns de individuos de Torymus sinensis, aumentando o número en cada un dos puntos de solta, o “que supón que a porcentaxe de parasitación seguiu aumentando e, polo tanto, asentaranse as poboacións do parasito”, segundo a consellería, que leva realizando estas actuacións desde o ano 2015.

Artigos relacionados

Back to top button